O CPETIG fai un chamamento para inverter a preocupante caída da presenza de mulleres no grao de Informática

luns, 13 de marzo do 2017 Fernando Sarasketa

Fan falta máis mulleres no ámbito das novas tecnoloxías da información, polo ben da profesión, polo ben dos estudos TI, polo ben das empresas do sector (que atoparán, literalmente, unha oferta laboral precaria e reducida) e polo ben do propio desenvolvemento tecnolóxico da nosa terra. As nosas entidades profesionais relacionadas co ámbito dixital non queren ficar de brazos cruzados ante esta situación, e máis tendo en conta que, lonxe de manterse a presenza de mozas nas carreiras vencelladas ao dixital, non para de diminuír. Un exemplo salientábel desta loita é o labor do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática Técnica de Galicia (CPETIG). A entidade que preside Marcos Mata vén de presentar un informe no que se sinala, entre outras cousas, que a matriculación feminina no Grao de Informática caeu un 50% nas universidades galegas nos últimos anos.
“Esta tendencia á baixa”, sinala o colexio, “contrasta co escenario de crecente presenza das mulleres nas restantes carreiras dos nosos campus”. Ou sexa, en todos os ámbitos formativos superiores medra a presenza feminina agás no eido TIC, “con moi leves oscilacións entre as tres universidades”.
Destaca un algo, malia todo, a Universidade de Vigo, por tradición a institución académica galega con máis mulleres matriculadas no Grao de Informática. Porén, sinala o CPETIG, “a UVigo acusa na mesma proporción có resto a minguante presenza feminina”. Estas taxas, se nada o impide, irán a peor nos anos vindeiros, sendo tamén as de hoxe en día moito peores cás de comezos da década pasada, cando se lograron taxas que roldan o 30% en presenza de mulleres nas aulas de informática, caendo até o 15% no curso académico 2015-2016 (sendo a matrícula feminina no conxunto dos grados da Universidade de Vigo do 51%).
Polo que se refire á Universidade de Santiago, o CPETIG lembra que “tamén experimentou unha significativa reducción de alumnas en Informática, pasando do 25% a comezos da década pasada ao 12% do pasado curso, unha proporción especialmente escasa tendo en conta que é unha universidade altamente feminizada cun 62% de alumnas”.
No caso da Universidade da Coruña, que chegou a ter unha taxa do 23% en cuestión de alumnas en Informática (a comezos da pesada década), anda hoxe arredor do 11% (sendo a matriculación feminina no total de plans de estudos de grao do 49%).
Segundo explica o colexio acerca dos motivos desta preocupante escaseza de mozas na formación TI, “esta tendencia é común á maioría dos países e, en parte, pode deberse ao modelo estereotipado e pouco real da informática que divulgan series e programas de televisión que terxiversan a verdadeira dimensión profesional”. Ademais, engade o CPETIG, inflúe negativamente o feito de que as mozas infravaloren as súas capacidades de seu en tecnoloxía e matemáticas, malia ter obtido de maneira melloras notas nestas materias cós mozos, de maneira xeneralizada.
A respecto do devandito, a entidade profesional galega sinala que a elección profesional debe realizarse “en liberdade, por vocación, e sobre ideas precisas das distintas alternativas académicas, superando determinados clixés que pesan sobre a informática”. Na súa opinión, é neste punto onde teñen que operar os colexios profesionais, xunto coas universidades e as empresas. Todas elas, sinala o CPETIG, deben contribuír a transmitir a verdadeira dimensión da profesión, superando a opinión simplista e estendida de que se trata de profesionais que “arranxan” computadores.
Porén, malia todos os datos negativos, o colexio valora positivamente o de feito de que a taxa de presenza de mulleres no seu propio seo manteña a día de hoxe unha tendencia positiva, pasando do 19% en 2008 ao 21% actual.

PUBLICIDADE