O CPETIG fai un chamamento aos centros escolares para que participen no seu certame Aprendo Programando

xoves, 11 de maio do 2017 Redacción

Marcos Mata, presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia

Aprendo Programando, a iniciativa de lecer e formación TIC para escolares do Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG), vai manter aberto até este domingo 14 de maio o prazo para que os centros educativos formalicen nel a súa inscrición. Como lembraremos, poden participar en Aprendo Programando centros escolares de Primaria e de ESO. O seu obxectivo, en palabras do CPETIG, é “achegar a programación e integrar dentro do sistema educativo a crecente utilización das novas tecnoloxías por parte da nenez e da adolescencia”. Cada centro participante na iniciativa, que vai pola súa segunda edición, ten que entregar un proxecto programado polo alumnado mediante a ferramenta de programación Scratch.
A iniciativa desenvólvese este ano baixo un significativo epígrafe, por amosar unha clara intención de tirar abaixo, coas TIC, todo tipo de fendas e brechas de exclusión e discriminación: Convivir en igualdade.
Segundo engade a entidade profesional que preside Marcos Mata, o concurso representa “unha oportunidade para o alumnado de Primaria e de ESO, que a través do concurso vai desenvolver habilidades mentais, ligadas ao pensamento computacional, mediante a aprendizaxe da programación sen necesidade de coñecer unha linguaxe concreta”. Baixo o punto de vista do CPETIG, o ensino de novas tecnoloxías en idades temperás ten “un efecto inmediato e directo na consecución da competencia dixital”, facilitando aos escolares ferramentas que lles son útiles para enfrontarse aos seus retos persoais, académicos e posteriormente profesionais.
O concurso está aberto a tódolos centros escolares de Galicia. Nel poden participar alumnos e educadores, facendo cousas como formarse en programación a través do Scratch ou buscando a superación tanto a nivel persoal coma colectivo. Segundo lembra o CPETIG, cada centro participante terá que entregar, nos prazos establecidos, un proxecto programado polo alumnado mediante a ferramenta Scratch entrando deste xeito a formar parte do concurso. Os centros interesados en participar poder consultar as bases e realizar a inscrición na páxina web do concurso aprendoprogramando.cpetig.org.

PUBLICIDADE