O CPETIG e AMTEGA fornecen contidos de ciberseguridade avanzada a dúas ducias de profesionais

xoves, 8 de setembro do 2016 Redacción

O Colexio de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) quere seguir traballando a prol dunha Sociedade da Información máis protexida e mellor xestionada. Este compromiso coa seguridade e co coñecemento salvagardado tense materializado xa nas súas Xornadas de Informática Xudicial, de cuxa sexta edición avanzamos algúns detalles en abril, facendo fincapé no compromiso da axencia AMTEGA con estes eventos. Precisamente en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) vai impartir un curso de formación en ciberseguridade os vindeiros 9, 10, 16 e 17 de setembro. A actividade celébrase en Santiago, achegando contidos a un grupo de 25 profesionais.
O curso, informan o CPETIG e AMTEGA, busca “dar resposta ao grave escollo que supón a ciberdelincuencia para as empresas e organizacións nun dobre plano”. Por unha banda, engaden, “polos prexuízos que pode supoñer ao negocio en termos de roubo de información ou espionaxe e, por outra, polo descoñecemento xeneralizado do tecido empresarial á hora de integrar e aplicar as solucións oportunas ante este tipo de delitos”.
A actividade formativa ofrece aos profesionais participantes coñecementos e capacidades necesarias para a xestión e administración da seguridade nas organizacións, segundo os modelos de ameazas actuais. O obxectivo, engaden os organizadores, é “que adquiran as destrezas para configurar de forma segura os sistemas operativos e as aplicacións, servizos e tecnoloxías empregadas en redes corporativas”.
O primeiro dos módulos, previsto para os días 9 e 10 na Cidade da Cultura, adícase a Protocolos ante Ciberataques e incidentes en Seguridade TI, e será impartido por Gonzalo Sotelo, responsábel do equipo de Investigación Tecnolóxica da Garda Civil de Pontevedra. O contido temático deste módulo abrangue temas como a preparación de posíbeis incidentes de seguridade e o manexo destes incidentes, facendo fincapé nos dispositivos móbiles e as tendencias de novas ameazas.
O segundo dos módulos será os días 16 e 17 de setembro, impartido por Juan Luis G. Rambla, director técnico da área de seguridade TIC de Sidertia Solutions. O programa inclúe temas como o “bastionado” dos sistemas, a rastrexabilidade das accións, as ameazas contra a dispoñibilidade e a integridade, ou diferentes técnicas de cifrado.
“Ao remate da formación”, explican fontes do colexio que preside Marcos Mata, “as persoas asistentes terán coñecementos para facer unha implementación segura da protección precisa para empresas e organizacións, protexendo os datos e infraestruturas manexadas en cada unha das súas capas, controlando tamén os mecanismos para evitar a fuga de información”.

PUBLICIDADE