O CPETIG convoca aos profesionais e estudantes galegos a introducírense con paso firme no universo Android

venres, 22 de febreiro do 2013 Redacción

O Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) vai desenvolver en Santiago, as primeiras dúas fins de semana de marzo (en horario de venres tarde e sábado pola mañá), unha acción formativa sobre o sistema operativo Android. A iniciativa, artellada dende o punto de vista do desenvolvedor, achégase con importantes descontos na matrícula para colexiados e precolexiados no CPETIG, así como para os estudantes de informática das tres universidades galegas: USC, UDC e UVigo. A actividade será impartida polo enxeñeiro en Informática pola Universidade Politécnica de Cataluña e co-fundador de Slash Mobility, José Cortés.
Para o CPETIG, este evento formativo ten unha dupla importancia, non só polas vantaxes económicas que o acompañan, senón sobre todo polos contidos de valor que pon en xogo. De feito, informa o colexio facéndose eco dos datos do último estudo de mercado realizado pola consultora Kantar Worldpanel, “oito de cada dez smartphones adquiridos en España entre setembro e decembro do pasado ano contaban co sistema operativo Android, seguido moi de lonxe do software de Apple, Blackberry, Nokia e Windows”. E engaden os enxeñeiros técnicos en Informática: “Este dato vén a destacar a importancia de realizar ciclos formativos como o que pon en marcha o CPETIG, xa que constitúen un importante nicho de mercado para diversos profesionais das TIC (programadores, deseñadores, analistas, enxeñeiros informáticos, xefes de proxecto...)”. Por outra banda, subliña o colexio, cómpre ter en conta que os teléfonos intelixentes xa supoñen o 45% do parque de terminais móbiles no territorio estatal, e que o seu afianzamento non deixará de medrar nos vindeiros anos co cal, de seguir nas actuais porcentaxes de implantación dos sistemas operativos Android nos smartphones, cursos como o devandito do CPETIG “son fundamentais para aquelas persoas que desexen ampliar o seu coñecemento e habilidades nunha tecnoloxía tan emerxente e demandada como esta”.
A acción formativa desenvolverase no Gran Hotel Santiago (Avenida Mestre Mateo 27) e o número de prazas dispoñibles será de 25. O prazo para a inscrición no curso remata o vindeiro 25 de febreiro.
Programa
O curso terá unha duración de 20 horas e contará con máis de 32 exemplos prácticos. Nunha primeira parte, realizarase unha introdución de todo o conxunto de tecnoloxías que forman Android para pasar, posteriormente, a analizar cada un dos seus compoñentes de xeito separado e como interactúan entre eles para desenvolver aplicacións.
Unha vez que o asistente teña unha visión de conxunto sobre os fundamentos esenciais de Android, mostraránselle aspectos como o xeito en que as aplicacións comunícanse entre si para, posteriormente, abordar o tema da seguridade, tanto no momento do desenvolvemento das aplicacións como na execución destas.
Para matricularse no curso requírese dos asistentes uns coñecementos mínimos en programación, concretamente en tecnoloxías JAVA e programación orientada a obxectos e coñecemento do IDE de desenvolvemento eclipse.

PUBLICIDADE