O CPETIG colabora na celebración coruñesa da Hora do Código

xoves, 14 de decembro do 2017 Redacción

É hora de pechar fileiras arredor da importancia de educarnos en programación dende as idades máis temperás. Nisto consiste, basicamente, a celebración internacional A Hora do Código que se celebra na primeira quincena de decembro en máis de 180 países co obxectivo de achegar aos nenos e aos adolescentes á creación de ferramentas e recursos informáticos. E todo da maneira máis natural e divertida posíbel. Entre as entidades da nosa terra que se fan eco da celebración, poñendo todo da súa parte para darlle voz e presenza, atópase o Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia, CPETIG, que vén de informarnos da súa colaboración coa FIC da UDC para as actividades do sábado 16 preparadas ao abeiro da Hora do Código.
Na cita, organizaranse diversas actividades para acurtar a distancia entre os escolares (nenas e nenos de entre 8 e 14 anos) e o miolo dixital. A Hora do Código UDC 2017 terá lugar na Facultade de Informática, no Campus de Elviña. Segundo informa o CPETIG, aquelas persoas que non poidan asistir pero estean interesadas en tirar proveito da celebración, poden participar desde a súas casas conectándose a www.code.org e probando algún dos titoriais dispoñíbeis: Minecraft, Star Wars, Frozen, Flappy, etc. O prazo para formalizar as inscricións remata o sábado día 16 ás 12.00 horas. Para máis información cómpre visitar a web específica habilitada, https://hourofcode.fic.udc.es.
Segundo engadiu hoxe a Universidade da Coruña, A Hora do Código UDC 2017 ten o mesmo obxectivo didáctico có evento global: ensinar aos nenos e ás nenas conceptos fundamentais de programación mediante ferramentas gráficas baseadas en bloques que poden realizar unha acción concreta, como por exemplo mover un personaxe nunha escena ou facer o deseño dun obxecto. “Ademais”, explica a UDC, “o evento coruñés ten un segundo obxectivo, xa que pretende ser un punto de reunión para todos aqueles nenos e nenas da provincia que estean interesados na programación ou simplemente queiran coñecer este mundo”.

PUBLICIDADE