O CPETIG avalía este martes en Ourense os principais delitos TIC aos que nos enfrontamos

luns, 6 de abril do 2015 Redacción

O proceso de presentación de candidaturas á dirección da Escola Superior de Enxeñaría Informática queda desertoEste martes 7 de abril celébrase na Escola Superior de Enxeñaría Informática de Ourense (na imaxe), en horario de 16.00 a 20.00 horas, unha sesión ilustrativa e divulgativa sobre os principais delitos tecnolóxicos aos que nos enfrontamos, dende múltiples sectores, no presente e no futuro inmediato da Sociedade do Coñecemento. A cita vén da man do Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia e contará coa participación de José Luis Rivas, un dos responsábeis de LIFe (Laboratorio de Informática Forense Europeo) e Víctor Salgado, avogado-socio do bufete galego Pintos & Salgado.
No marco desta Xornada de Informática Pericial, o director de LIFe, José Luis Rivas, presentará tres casos concretos de delitos TIC actuais: un ataque ao servidor dunha universidade, unha posíbel fuga de información nunha empresa por parte dun traballador e un centro de chamadas con software problemático.
A sesión, sinala o CPETIG, misturará “unha sólida parte teórica coa parte de exposición de exemplos prácticos”. Victor Salgado centrará o seu relatorio na normativa procesal pericial e na normativa substantiva da pericia tecnolóxica, con referencia ao dereito informático, á propiedade intelectual e aos delitos tecnolóxicos, como a defraudación electrónica. Na segunda parte da xornada, José Luis Rivas abordará inicialmente a orixe da análise forense e rematará o seu relatorio coa exposición dos casos prácticos devanditos.
A nivel comunicativo e xornalístico, as actividades da xornada inícianse ás 11.30 horas, con declaracións aos medios do secretario do CPETIG, Juan Luis Miguéns, e dos relatores da xornada no salón de graos da Escola Superior de Enxeñaría Informática en Ourense.

PUBLICIDADE