O CPETIG abre as inscricións para o VII Scratch Day, previsto para o primeiro de outubro

xoves, 15 de setembro do 2022 S. P.

O Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática (CPETIG), grazas ao convenio de colaboración que mantén coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), desenvolverá unha nova edición do programa de divulgación tecnolóxica (creativa e participativa) Scratch Day. Esta sétima convocatoria (enmarcada no Plan de Talento Dixital de Galicia, o Plan DigiTalent), oriéntase novamente a divulgar os valores da programación informática para espertar e fomentar as vocacións tecnolóxicas no ámbito da educación STEM (polas súas siglas en inglés, Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñeira e Matemáticas) desde idades temperás.
A xornada celebrarase o vindeiro 1 de outubro na Cidade da Cultura de Galicia (Edificio do Museo, Andar -1) e estará destinada a rapazada de entre 6 e 16 anos e os seus pais ou nais, así como o profesorado ou responsábeis dos centros interesados en introducir o Scratch na docencia.
Estes dous grandes grupos participarán, de forma simultánea, en programas deseñados especificamente para coñecer a linguaxe de programación Scratch (creada polo MIT para iniciar dunha forma sinxela á rapazada neste ámbito dunha forma didáctica, práctica e interactiva.)
Ademais de facerse unha introdución á ferramenta Scratch a través de diferentes accións levadas a cabo de forma práctica (movemento, lanzamento e interacción de obxectos) e co desenvolvemento dun videoxogo, nesta edición farase tamén unha introdución ao Microbit (unha pequena tarxeta deseñada para aprender a programar de forma fácil e divertida) sendo a novidade desta VII edición do Scratch Day o uso das placas Microbit para música.
Para os alumnos, a xornada terminará cunha actividade práctica, en formato Scape Room, na que poderán poñer en practica os coñecementos adquiridos sobre o Scratch, Microbit e o Cubo Merge, así como recoñecer o potencial destas ferramentas para interactuar e expresar ideas de forma colaborativa.
Pola súa banda o profesorado, ademais de coñecer os mesmos aspectos que os alumnos e alumnas, aprenderá a deseñar unidades didácticas para contido curricular e como traballar de forma transversal con Scratch. De igual forma, verán exemplos de proxectos desenvoltos con Microbit como estacións meteorolóxicas e medidores de CO2; ideas que poderán aplicar nas aulas.
“Grazas a este obradoiro”, informou o CPETIG, “o profesorado poderá descubrir de primeira man as vantaxes e potencialidades que aporta traballar e ensinar a través deste tipo de tecnoloxía, ca que se incentivan a creatividade, o emprendemento e a capacidade de resolución de problemas, entre outros valores”.
Un ano mais, os especialistas da firma robótica educativa Rockbotic Galicia serán os encargados de impartir esta xornada tecnolóxica.
Rexistro
O período de inscrición para o VII Scratch Day xa está aberto (ata o 29 de setembro) a través da web específica habilitada polo CPETIG. Nesta mesma ligazón poderase ampliar información sobre tódolos detalles do curso.

PUBLICIDADE