O CPEIG xa prepara a sétima edición da Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia

luns, 9 de marzo do 2015 Redacción

A nova edición da festa das nosos profesionais das Tecnoloxías da Información (TI) xa comeza a facer ruído. De feito, o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) xa nos confirmou que está a deseñar a sétima convocatoria da súa gala anual, a Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, un evento onde se visualizan ao detalle as contribucións das e dos profesionais da informática para o desenvolvemento económico da nosa terra ao tempo que se entregan os galardóns que salientan o labor de diferentes iniciativas e traxectorias profesionais e académicas. A data prevista para a celebración da Noite é o 26 de xuño; o lugar, o Hotel-Monumento San Francisco, en Santiago de Compostela.
O evento será conducido polo monologuista Dani Delacámara e contará, en palabras do CPEIG, “con interesantes novidades e sorpresas para os colexiados e convidados”. Como aconteceu en edicións anteriores, representantes do empresariado TIC, responsábeis políticos e das diferentes administracións acompañarán as persoas colexiadas na cea de gala.
Asemade, o colexio que preside Fernando Suárez confirma que aínda que segue aberta a porta para novos mecenas, as empresas e institucións patrocinadoras de edicións anteriores manifestaron xa a idea de repetir o seu apoio á Noite, “subliñando así o seu compromiso co colectivo que representa o CPEIG”.
Dentro da Noite, recoñecerase o traballo de distintas persoas, institucións e empresas a prol da Enxeñaría en Informática. As categorías dos galardóns que entregará o CPEIG son: Premio Traxectoria Profesional, Premio Iniciativa Emprendedora, Premio Proxecto Fin de Carreira, Premio Iniciativa da Administración, Premio Iniciativa Empresarial, Premio Ada Byron e Premio Iniciativa e-Inclusión.

PUBLICIDADE