O CPEIG volve a denunciar as referencias a erros informáticos na prensa

martes, 10 de xullo do 2012 Marcus Fernández

Imaxe coa que La Voz de Galicia ilustra a nova sobre o suposto erro informático nas farmacias galegas

Nos pasados días distintos medios de comunicación como o xornal La Voz de Galicia publicaban que “un erro informático impediu dispensar varios medicamentos” para engadir que a mencionada incidencia que afectou a todas as farmacias galegas durante unhas 5 horas “debeuse á actualización de prezos de medicamentos por parte do Ministerio”, o que dende o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia queren destacar que dista moito do suposto erro informático que comenta a prensa.
Este malestar do CPEIG manifestouno o seu presidente, Fernando Suárez Lorenzo, nunha carta ao director de La Voz de Galicia, onde apunta que un sistema complexo como o que nos ocupa non se modifica de xeito inmediato, polo que en vez de apuntar a un suposto erro, debería recoñecerse o esforzo levado a cabo e destacarse as vantaxes que a informática achega á nosa calidade de vida ofrecendo confianza na seguridade das transaccións electrónicas en distintos ámbitos como o sanitario, o bancario ou as relacións coa Administración.

PUBLICIDADE