O CPEIG trae a Santiago a Javier Urra para mostrarnos como educar dixitalmente aos pequenos

martes, 26 de xuño do 2018 Fernando Sarasketa

A medida que medra a presenza da información dixital nas familias, as nais e os pais queren saber dos métodos máis axeitados a seguir para que esa información e eses hábitos TIC sexan positivos, enriquecedores, non-violentos e, tamén, de utilidade. Para atender esta demanda, o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) organiza decote actividades de divulgación para proxenitoras/es e divulgadoras/es. Unha destas actividades está prevista para este 30 de xuño e promete ser unha cita moi axeitada para despexarmos dúbidas sobre que camiños seguir no día a día tecnolóxico dos nosos fogares.
A xornada-conferencia será impartida polo reputado psicólogo navarro Javier Urra e desenvolverase baixo o seguinte epígrafe: Educar con criterio e ALGO MÁIS. A cita será ás 12:00 horas no Centro de Innovación Cultural (Edificio CINC) da Cidade da Cultura de Galicia en Santiago de Compostela. A conferencia, aberta ao público en xeral, está enmarcada nas actividades da cuarta edición da Olimpíada de Robótica de Galicia, da que o CPEIG tamén é entidade organizadora xunto á FEGAMP e Arkitas.
Segundo informa o CPEIG, Urra é psicólogo forense da Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza, está especializado en psicoloxía clínica e psicoterapia (acreditado por la Federación Europea de Asociacións de Psicólogos) e é pedagogo terapeuta.
Na charla, explicará aos pais e nais asistentes á charla o esencial para educar aos seus fillos con criterio. Falará de prevención e intervención, da necesidade do contacto pel con pel e do contacto na Rede.
Segundo ten sinalado previamente Urra, actualmente existen diversos tipos de pais e nais, que se caracterizan por “seren inmaduros, sobreprotectores que queren mercar o cariños dos seus fillo ou que acceden á chantaxe dos rapaces, pais que non queren ser auctoritas, ou pais e nais que non saben educar e non teñen criterios”. Neste último grupo centrarase o relator na súa exposición.
No que atinxe ao papel de Internet, Urra indica que “se debe ensinar aos nenos e nenas a ter respecto polos demais e pedir perdón”. E engade: “A Rede é un instrumento máis, e o rapaz que causa ciberacoso a través das redes sociais tamén o fai no colexio”, considera.

PUBLICIDADE