O CPEIG súmase ás actividades do Día Europeo da Protección de Datos

xoves, 26 de xaneiro do 2012 Raquel Noya

Con motivo do Día Europeo da Protección de Datos, que se celebra o vindeiro sábado día 28, o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) está a difundir unha serie de recomendacións a seguir para concienciar aos galegos e galegas da necesidade de navegar con tino por Internet, sobre todo, polas webs dubidosas ou pouco seguras.
Este organismo considera do máximo interese que a sociedade galega “tome conciencia da necesidade de incorporarse á cultura da protección de datos” polo que baixo esa mesma premisa vén de elaborar un conxunto de recomendacións que fai público para facerllo chegar a tódolos internautas do país.
Con esta acción, o ente colexial pretende contribuír á construción dunha sociedade da información na que a cidadanía tome consciencia “de todas as oportunidades e dos riscos que lles ofrece a Internet”, para así minimizar os riscos e evitar que os datos persoais da cidadanía sexan moeda de cambio entre os ciberdelincuentes.
Trátase dun díptico no que se inclúen un total de 13 consellos básicos para navegar de xeito seguro por Internet, un breve glosario coas definicións das verbas máis empregadas e unha serie de ligazóns de interese para as persoas en profundizar neste tema.
O CPEIG ofrece recomendacións básicas no tocante ao uso de e-mails, das redes sociais, ou das cámaras web, entre outras cousas, así como consellos moi útiles para manexar as nosas imaxes e fotografías no mundo virtual.
Con estas suxestións, o CPEIG pretende que a cidadanía teña máis confianza nas novas tecnoloxías e realice un mellor uso das mesmas, malia que segundo afirman, “o sentido común é a recomendación principal” e para iso non fai falta ser un experto en TIC.

PUBLICIDADE