O CPEIG renova a súa xunta de goberno

luns, 12 de decembro do 2011 Marcus Fernández

Durante a mañá do pasado sábado o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) conta cunha nova xunta de goberno que supón unha renovación do 80% con respecto ao equipo anterior, para velar polos intereses das 325 persoas colexiadas, polos estudos e pola profesión informática.
A elección da nova xunta de goberno tivo lugar nunha xuntanza na Sala Mozart do Auditorio de Galicia en Santiago de Compostela na que se proclamou a única candidatura presentada ás eleccións, resultando reelixido como presidente Fernando Suárez Lorenzo, quen contará co apoio na xunta de goberno dos colexiados: Juan Otero Pombo (vicepresidente) Juan José González Cid (secretario), Francisco Manuel Bago Castro (vicesecretario), Antonio Carro Mariño (tesoureiro) e Juan Luis Núñez Tourís (vicetesoureiro), acompañados polos vogais Francisco Javier García Tobío, Alejandro Diego Benítez Martínez, Fernando Abraham Pizarro Fernández e Francisco Javier Rodríguez Martínez.
Suárez Lorenzo agradeceu o traballo dos membros saíntes da xunta, e a confianza depositada na súa persoal, de aí que asegurou aos colexiados que “traballará con novas forzas pola promoción e defensa da profesión”.
A nova xunta de goberno márcase como obxectivo a mellora dos estudos universitarios, a formación continua e de calidade para os colexiados, o impulso da informática verde, o fomento do galego no ámbito tecnolóxico e a defensa da igualdade de xénero.

PUBLICIDADE