O CPEIG recoméndanos empregar medidas básicas de seguridade para as nosas compras do Black Friday

luns, 25 de novembro do 2019 Fernando Sarasketa

Fernando Suárez, presidente do CPEIG

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia quere botarnos unha man nunha cuestión candente que toca de preto aos usuarios de novas tecnoloxías, hoxe en día, practicamente todo o mundo: a celebración este venres 29 do chamado “Black Friday”, o “Venres Negro”, unha iniciativa comercial nacida en Estados Unidos, xusto despois do día de Acción de Gracias, para estimular as compras de material electrónico e tecnolóxico con múltiples descontos achegados como un xeito de axudarnos a encarar do mellor xeito posíbel a campaña de Nadal.
Segundo nos recorda o CPEIG, xa que moitas destas compras lévase a cabo en liña, cómpre que poñamos en práctico medidas para saber que a web que empregamos para mercar é cen por secura (por exemplo comprobando que o enderezo comece por HTTS e mostre un cadeado na barra de direccións).
O presidente do Colexio de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), Fernando Suárez, lembra que en termos xenéricos mercar online é seguro, aínda que indica que cómpre que teñamos en conta unha serie de riscos, sermos conscientes deles e tomar as pautas de seguridade necesarias. “O máis sinxelo é aplicar o sentido común, desconfiar das gangas e produtos milagrosos, mercar en webs de confianza nas que o vendedor estea identificado cos seus datos de contacto por se é preciso contactar por dúbidas ou devolución do produto”, explica Fernando Suárez, poñendo o foco nas vantaxes que poñen en xogo certos indicativos: “En concreto, as claves que mostran ao usuario que unha web é segura para mercar son que a dirección comece por HTTS –o ‘s’ significa seguridade–, e mostre un cadeado na barra de direccións, sinais que garanten que os datos persoais ou bancarios que se transmiten está cifrados e polo tanto a información é segura”.
Porén, o CPEIG engade que é preciso ter sempre os dispositivos electrónicos “a punto”, computadores, móbiles e tabletas, con antivirus instalados e actualizados para descartar ameazas con capacidade para recompilar información persoal ou bancaria do dispositivo. “Tamén é recomendábel usar unha conexión segura a Internet, evitando redes Wi-Fi públicas que non ofrecen ningunha garantía de seguridade”, sinala o colexio.
Amais, o CPEIG destaca que o consumidor debe revisar a fondo a información da tenda online seleccionada: quen somos, domicilio fiscal, investigar que datos recollen dos usuarios e con que fin, formas de pago e política de envío e devolucións. Tamén recomenda indagar sobre o establecemento en liña en buscadores, redes sociais e foros e revisar as opinións doutros usuarios.
Xa con todo preparado para a compra, o CPEIG recomenda usar ferramentas de pago fiábeis, como PayPal ou tarxetas de prepago, no canto de dar o número da tarxeta de crédito directamente, “aínda que tamén se considera unha práctica segura sempre que a páxina sexa de confianza, ben sexan páxinas de cadeas multinacionais ou do comercio local”.
Igualmente, o colexio lembra que malia todas estas medidas de seguridade, “hai moitos compradores que aínda caen nas redes dos ciberdelincuentes que utilizan a enxeñaría social e buscan o punto fraco do comprador, xeralmente con ofertas moi atractivas ao alcance da súa man cun só click”.

PUBLICIDADE