O CPEIG recibe da AEPD o premio ás boas prácticas educativas para un uso seguro de Internet

martes, 28 de xaneiro do 2020 Redacción

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) comezou o ano cunha máis que relevante distinción: a que lle concedeu a Axencia Española de Protección de Datos polo seu compromiso coa Internet segura, confiábel, aberta, integradora e de utilidade. Estamos a falar do Premio ás Boas Prácticas Educativas en Privacidade e Protección de Datos Persoais para un Uso Seguro de Internet polos Menores que lle concedeu a AEPD á entidade galega, galardón que recolleu este martes o seu presidente, Fernando Suárez, no acto de entrega de premios que se celebrou no Senado en Madrid no propio Día Internacional da Protección de Datos (28 de xaneiro).
No seu discurso, Fernando Suárez asegurou que formar parte do grupo de gañadores é unha “honra e un privilexio que reafirma aínda máis o compromiso do CPEIG para continuar nesta senda”. Agradeceu sinceramente a distinción á AEPD e deu os seus parabéns ao resto de premiados polo seu gran labor na promoción do coñecemento, investigación e difusión do dereito fundamental á protección de datos, engadindo que “Internet representa un mundo enorme de posibilidades para o ocio, as relacións persoais e a aprendizaxe dos máis novos, pero tamén presenta unha serie de risco respecto á protección de datos persoais, a privacidade e a auto-protección, como son os contidos inapropiados ou a facilidade de contacto con persoas que non son sempre quen din ser”.
Ademais, o presidente destacou que a informática é “decisiva” á hora de dar forma ao xeito en que “vivimos e traballamos”, polo que se debe atopar a maneira de dotar á mocidade dos medios para dar forma a ese futuro. “É hora de educar a unha nova xeración e preparar aos líderes do mañá para ser bilingües en informática”, sinalou, ao tempo que fixo un repaso pola política de sensibilización do CPEIG a prol dun uso responsábel da Internet e dunha rede segura, unha estratexia que abrangue iniciativas de divulgación cos estudantes de Primaria e Secundaria, “en alianza con institucións educativas e tecnolóxicas axeitadas para sumar forzas a favor dunha Sociedade da Información na que a mocidade sexa a protagonista e teña os instrumentos necesarios para evitar riscos e non ser vítimas”.
Estas accións do CPEIG, dixo, artéllanse en catro iniciativas principais que “contan cunha longa traxectoria”. Estas iniciativas son: Navega con Rumbo polo Ciberespazo, o Día da Protección de Datos, o Concurso literario infantil e xuvenil sobre a protección de datos, e as charlas en concellos sobre Internet segura e datos persoais para menores que realiza o colexio coa rapazada.
O programa Navega con Rumbo polo Ciberespazo é a actividade formativa principal e con máis traxectoria das desenvoltas polo CPEIG no ámbito da divulgación, implantada hai nove anos en colaboración coa Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional da Xunta de Galicia.

PUBLICIDADE