O CPEIG organiza unha xornada sobre o regulamento europeo na salvagarda da información

martes, 18 de outubro do 2016 Redacción

O vindeiro día 25 de outubro temos cita en Santiago coa información e as máis acaidas metodoloxías para salvagardala e respectala: o que todas e todos os usuarios da Rede debéramos saber para manter a confidencialidade e a privacidade das comunicacións e do coñecemento. Falamos da Xornada sobre o Regulamento Europeo de Protección de Datos, que se celebra na Escola Galega de Administración Pública (EGAP) en horario de mañá. A xornada vén da man do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG). Contarase coa presenza do catedrático Miguel Ángel Davara como relator. Segundo sinala a organización, aínda que a cita ten contido xurídico, “vai dirixida tanto a non xuristas como a profesionais relacionados co Dereito”. Aquelas persoas que desexen inscribirse poden facelo no seguinte enderezo: eventos@cpeig.gal.
A charla, nun plano máis detallado, versará sobre o Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, de 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos (Regulamento xeral de protección de datos). A xornada inscríbese no convenio que o CPEIG mantén coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA).
Segundo informa o Colexio, a sesión será unha boa oportunidade para afondarmos na nova normativa comunitaria sobre datos, de aplicación en España, e tamén para tomarmos contacto cos procedementos a implantar por parte de empresas e administracións. Tamén será unha maneira de ampliarmos coñecemento en materia de prevención de riscos co obxectivo de evitar unhas sancións que poden chegar até os 20.000.000 euros ou o 4 por cento da facturación.
Despois da presentación do relator e da xornada, na que participarán a directora da AMTEGA, Mar Pereira; a directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos; e o presidente do CPEIG, Fernando Suárez, o programa desenvolverase arredor dos seguintes bloques de contidos: o regulamento nos actos xurídicos da UE (significado dun regulamento), cuestións a salientar no regulamento (definicións, principios, dereitos, obrigas do responsábel do tratamento, etc) e recursos, responsabilidades e sancións.
Miguel Ángel Davara
Miguel Ángel Davara é doutor en Dereito e socio-fundador da firma de asesores xurídicos Davara & Davara, Asesores Xurídicos, especialistas en Dereito das Tecnoloxías da Información e as Comunicacións. Catedrático de Dereito Informático e de Informática para Xuristas da Facultade de Dereito da Universidade Pontificia Comillas de Madrid (ICAI-ICADE), é tamén coordinador da Área de Informática Xurídica de ICADE. Davara é director do Master en Dereito das Tecnoloxías da Información e as Comunicacións de ICADE e director dos Cursos de Doutorado en Dereito Informático na mesma Universidade. Tamén exerce como profesor da materia Implicacións socio-xurídicas das Tecnoloxías da Información na Escola de Enxeñaría Informática de ICAI. Asemade, o relator é membro do Grupo de Asesores Legais en Tecnoloxías da Información da Unión Europea en Luxemburgo (DG Sociedade da Información).

PUBLICIDADE