O CPEIG organiza un taller de robótica para nenas e nenos ingresados no CHUS

martes, 15 de febreiro do 2022 S. P.

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) organizou este martes 15 de febreiro un obradoiro de robótica para os nenos ingresados no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) con cancro ou outras enfermidades, con motivo do Día Internacional do Cancro Infantil e en colaboración coa Asociación de Ayuda a Niños Oncológicos de Galicia (ASANOG).
O presidente do CPEIG, Fernando Suárez, asistiu á inauguración do obradoiro na Aula Hospitalaria do CHUS, acompañado pola técnico de ASANOG, Merce Fernández Baleato. “A tecnoloxía supón para estes pequenos unha válvula de escape”, indicou.
O taller, dirixido a nenas e nenos de 6 a 14 anos, foi impartido por Pablo Novoa e Carlos Santodomingo da empresa Captioma Galicia. Ten unha orientación pedagóxica e un formato lúdico co obxecto de que os máis pequenos entren en contacto coa tecnoloxía. Empregáronse robots orientados a aprender a programar desde un punto de vista educativo, como os sistemas de aprendizaxe de Lego Education, mBot ou as placas electrónicas como Arduino.

PUBLICIDADE