O CPEIG ofrece dúas bolsas para o Máster en Sociedade da Información da USC
mércores, 8 de outubro do 2014
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática
de Galicia (CPEIG) vén de convocar dúas bolsas para o Máster
On-line en Sociedade da Información e do Coñecemento da USC
2014-2015.
Con esta achega de incentivos, que se insire no compromiso da
entidade que preside Fernando Suárez a prol da formación e
especialización dos profesionais da informática, o CPEIG manterá
aberto o prazo para a recepción de solicitudes até o 30 de
decembro. Quen estea interesado en acceder a estas axudas para o
máster, que vai pola súa sétima edición, terá que enviar unha
carta-solicitude ao presidente do CPEIG (presidente@cpeig.org)
xuntando, entre outros documentos, o seu currículo.
Como lembraremos, o máster
está dirixido polo profesor-investigador Carlos Ferrás e entre os
seus obxectivos está o de favorecer unha formación TI avanzada con
potencial de actuación positiva sobre os múltiples elementos da
contorna do estudante-profesional. Dito doutro xeito: a organización
do máster busca con esta actividade favorecer unha estreita
colaboración entre persoas de diferentes formacións para procurar
meirande inclusión social e desenvolvemento económico dos nosos
territorios, “poñendo en valor os fluxos de comunicación e
coñecemento entre o urbano e o rural e entre as rexións periféricas
e as centrais”. Segundo informan a organización, “os alumnos
deben ser conscientes da importancia que teñen as TIC na sociedade
actual, converténdose en ferramentas estratéxicas capaces de
desenvolver social, cultural e economicamente unha cidade, concello,
país ou territorio en xeral”.
O máster, reflicte o CPEIG, permite ao alumnado
obter unha formación cualificada para o deseño e xestión avanzada
de páxinas web, produción de recursos multimedia de vídeo, son e
fotografía dixital, así coma o contacto co mundo laboral, coa
opción de poder realizar estancias de prácticas en diversas
empresas, institucións ou grupos de investigación como, entre
outros: a Fundación CEER Galicia-Norte de Portugal, Uninova, Idega,
Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia
(CPEIG), Feiraco, Granxafamiliar, Galicia Autentica, Agalip, ADAF,
Cief-Caixa Galicia, Asociación Ibérica de Sistemas y Tecnologías
de la Información, CITA-Fundación Germán Sánchez Ruipérez,
Tecendo Redes, Mmasa Arquitectos, Cáritas e Concellos de Santiago de
Compostela e Brión.