O CPEIG mostra aos escolares da Pobra as pautas para unha boa navegación

mércores, 31 de xaneiro do 2018 Redacción

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) impartirá este 31 da xeneiro unha charla de balde no Centro de Estudos Profesionais (CEP) Pilar Maestú Sierra da Pobra do Caramiñal (Lugar Cadreche, s/n. Posmarcos), sobre navegación en Internet e sobre os mellores instrumentos que as novas xeracións poden aplicar para tirar o máximo proveito da Rede, en positivo. A charla, organizada pola AMPA Cadreche, celebrarase ás 16:00 horas no propio colexio.
A xornada informativa, dirixida a alumnos de 4º, 5º e 6º de Primaria, pais, nais, titores e profesores, organízase con motivo do Día Europeo da Protección de Datos (efeméride que se conmemorou o pasado domingo 28 de xaneiro, promovida polo Consello de Europa, a Comisión Europea e todas as autoridades implicadas da Unión Europea). Estará impartida polo colexiado Gabriel Ferreiro, que fará fincapé nas posibilidades que se abren a través dun uso axeitado da Internet, posibilidades para “aprender, divertirse e comunicarse”, pero empregándoa con sentido común.
O colexiado avanza tamén que a navegación por Internet serve para comunicarse, a través de correo electrónico, mensaxes instantáneas, chats ou das redes sociais, e para expresarse de forma máis extensa empregando outros espazos destinados a ese fin como son os blogs. Tamén manifesta que se pode ter un tempo de lecer escoitando música, vendo películas, xogando a videoxogos ou lendo libros en liña ou descargando os seus arquivos, “pero sempre de maneira legal”. Tamén fai fincapé na importancia documental da Rede para facer os traballos escolares, empregando os buscadores para acceder a todo o coñecemento que se precise.
Gabriel Ferreiro, a xeito de avance do seu relatorio na Pobra, recomenda aos rapaces que teñan o control sobre o perfil para non expoñerse innecesariamente a riscos como o phishing (fraude), o correo lixo, os correos masivos, o software malicioso ou o ciberacoso, ciberbullying ou grooming ou acoso sexual. O experto argumenta que sempre se debe ter en conta esta frase: “Non fagas en internet nada que non farías na vida real”.
O colexiado engade igualmente que se debe ter coidado cos datos, fotos (sobre todo de menores), información persoal, da familia ou dos traballos, sempre pensando antes de publicar. Explica tamén que cando se interactúa na Rede, os rapaces deben empregar alcumes e nicks axeitados (non empregar nunca o nome real, nin a idade ou ano de nacemento) e tampouco usar a webcam, non citarse con alguén fóra da rede ou publicar fotos sen consentimento dos fotografados.
Nas redes sociais, Gabriel Ferreiro lembra que a idade mínima para ter un perfil é de 14 anos, excepto en redes sociais específicas para menores, como Blindworlds ou Chaval.es, e sempre coa vixilancia dos pais ou titores encargados de velar pola súa privacidade.
En situacións de ciberacoso, o experto destaca que se debe denunciar ao intimidador.

PUBLICIDADE