O CPEIG introduce no miolo da tecnoloxía aos rapaces ingresados no CHUS

luns, 2 de xaneiro do 2017 Redacción

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) segue adiante, xa en 2017 e coas celebracións da Hora do Código aínda recentes, cos seus esforzos en materia de divulgación TIC para os máis pequenos. Desta volta, o labor didáctico, formativo e lúdico foi desenvolvido nun espazo de especial significado nestas datas, o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela o CHUS. Máis en detalle, o CPEIG adicou a mañá de hoxe a amosar os segredos da programación e a robótica a un grupo de crianzas de entre 5 e 16 anos. As nenas e nenos ingresadas/os no complexo de saúde puideron deste xeito abrir unha xanela directa aos segredos da construción da sociedade conectada.
A experiencia, que en palabras do CPEIG “foi do máis positiva”, constituíu a proba piloto dun programa máis ambicioso que se pretende chegue a máis centros hospitalarios.
No caso de hoxe, Javier Pereira, colexiado do CPEIG, encargouse de levar a cabo, de xeito voluntario, o obradoiro na aula informática do CHUS. Pereira realizou en primeiro lugar unha breve introdución aos conceptos de robótica e programación, acompañada de diferentes vídeos ilustrativos. Nunha segunda parte, as nenas e nenos probaron diferentes actividades e xogos elaborados coa ferramenta de programación Scratch, en combinación co Makey Makey e outros dispositivos tecnolóxicos como a webcam do ordenador ou un rato de control cefálico.
Segundo sinala o CPEIG, o emprego destas ferramentas permite aprenderlles aos rapaces, “de xeito doado e dinámico”, como programar o computador e como crear os seus propios videoxogos, historias interactivas ou animacións. “Durante esta mañá”, engade o colexio, “o obradoiro estimulou a creatividade e outras capacidades cognitivas, como son a resolución de problemas, a abstracción, o pensamento lóxico ou o razoamento”. A maiores, o CPEIG cedeu tres kits Makey Makey ao hospital para uso das nenas e nenos ingresados.

PUBLICIDADE