O CPEIG felicita ao Concello de Pontevedra pola súa convocatoria de selección de profesionais TI

mércores, 29 de xuño do 2016 Redacción

O Concello de Pontevedra vén de facer un traballo axeitado en materia de procura de profesionais TI. Máis polo miúdo, en todo o referente á súa recente convocatoria de prazas de enxeñeira/o en Informática. Así nolo conta o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, CPEIG, que manifestou publicamente a súa satisfacción pola convocatoria emitida polo Consistorio e consistente nun proceso selectivo para ocupar as devanditas prazas. “Nela”, sinala o CPEIG, “a titulación requirida é a axustada ás funcións do posto, é dicir, o título de grao en Enxeñaría Informática ou equivalente”. Este proceso contrasta con outras iniciativas semellantes postas en marcha dende outras administracións e entidades públicas, que, en palabras do Colexio, “achegan procesos selectivos para os mesmos postos requirindo case calquera tipo de titulación”.
Fronte a isto, engade a entidade profesional galega, o Concello de Pontevedra actúa “de xeito rigoroso” para garantir o bo desempeño das funcións descritas nas bases da convocatoria.
A respecto do devandito, o Colexio lembra o recurso potestativo de reposición interposto polo CPEIG o pasado 26 de maio contra a Resolución nº8221/2016, do 19 de abril do mesmo ano, pola que a Deputación da Coruña convocou o proceso selectivo para elaborar unha listaxe de "aspirantes a nomeamentos e/ou contratacións de persoal laboral temporal para postos de Técnico/a superior de Informática". A razón principal do recurso é que nas bases establécese como requisito unha serie de titulacións que “non garanten o bo desempeño do posto”, a xuízo do Colexio.
Entre outras licenciaturas, a Deputación da Coruña admite a de Psicoloxía, Socioloxía, Dereito, Publicidade e Relacións Públicas, Xornalismo ou Económicas, ademais de posibilidade de que tamén se poidan presentar licenciados/as ou enxeñeiros/as en Informática. Para o CPEIG os sistemas informáticos ocúpanse de cuestións estratéxicas e de importancia vital na vida das persoas, polo que "teñen que deixarse en mans de xente que estea suficiente e correctamente preparada".
Desde o CPEIG seguen a animar a todas as colexiadas e colexiados a que lle fagan chegar aquelas convocatorias de prazas de enxeñeiro/a en Informática que “non se axusten aos requisitos que defende”. O correo para realizar estas comunicacións é info@cpeig.gal.

PUBLICIDADE