O CPEIG fai un chamamento ás institucións públicas para que loiten por protexer aos menores na Rede

venres, 25 de xaneiro do 2013 Redacción

Fernando Suárez, presidente do CPEIG

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) vén de emitir un comunicado solicitando ás institucións e representantes públicos o seu compromiso a prol da protección dos menores ao acubillo das redes da información, as novas tecnoloxías, facendo especial fincapé nas redes sociais, cada vez máis empregadas polas novas xeracións. O colexio, cuxa preocupación polo uso que se lle dá ás TIC entre a cativada vén de antigo (seu é o programa Navega con Rumbo, desenvolvido estes anos nas escolas galegas), reforza deste xeito a loita contra o ciberacoso e outras malas prácticas vinculadas a un mal uso da Rede con motivo da celebración, o vindeiro luns 28, do Día da Protección de Datos.
Desde o punto de vista do CPEIG, sería preciso incorporar aos plans de estudo a aprendizaxe sobre o control dos datos persoais dos nenos e nenas na Rede, “posto que o descoñecemento do control efectivo sobre esa información e os datos de terceiras persoas motivan a aparición de casos como o acontecido recentemente na cidade coruñesa”. Nesa ocasión, engade o colexio, a difusión masiva de material gráfico íntimo dunha serie de nenas a través das redes sociais fixo saltar a alerta sobre a seguridade e privacidade das menores.
E engádese, facendo referencia á devandita iniciativa aplicábel no ensino galego: “Convén lembrar que o CPEIG deseñou e puxo en marcha, en colaboración coa Xunta de Galicia, o programa Navega con Rumbo polo Ciberespazo, que precisamente é unha iniciativa encamiñada a que escolares, pais, nais e profesorado tomen conciencia dos riscos da Rede, para evitar o ciberacoso e outros problemas tamén relativos ás redes sociais”.
No presente curso, por certo, estase a levar a cabo a terceira edición do programa, que leva –dentro do programa Abalar- a enxeñeiros e enxeñeiras en Informática aos centros escolares para transmitir unha serie de recomendacións.
A maiores do devandito e seguindo o fío da salvagarda na Rede, a xunta do goberno da entidade profesional acordou a creación dunha creación dunha comisión dedicada integramente a estudar e planificar accións e informes a prol da protección de datos. A xuízo do CPEIG, é de vital importancia que a nosa cidadanía sexa consciente da “perentoria necesidade de incorporarse á cultura da protección de datos e, precisamente por ese motivo, quere propoñerlle aos galegos e galegas iniciativas dirixidas á mellora do exercicio da cidadanía”.

PUBLICIDADE