O CPEIG fai un chamamento a visualizar a importancia das mulleres no eido STEM

luns, 8 de marzo do 2021 S. P.

Co gallo da celebración (estes luns 8 de marzo) do Día Internacional da Muller, o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) publicou un comunicado no que expresa a súa firme adhesión ás reivindicacións da xornada e pon o foco nas áreas de actividade que lle son propias, aproveitando para facer un novo e urxente chamamento para xuntarmos forzas arredor dun obxectivo prioritario: incrementar o número de mozas que apostan polas carreiras STEM e rematar dunha vez por todas cos estereotipos e cos obstáculos que impiden a igualdade no ámbito informático.
Segundo lembra o colexio, a profesión de Enxeñaría en Informática en Galicia está aínda “moi masculinizada” con apenas un 17% de mulleres, de xeito similar ao que acontece en todo o sector TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación) onde “practicamente nove de cada dez traballadores do mercado español son homes, malia que, como sinala a Comisión Europea, alcanzar a paridade de homes e mulleres na industria dixital permitiría elevar o PIB da Unión Europea nuns 9.000 millóns de euros anuais”. O colexio recorda que a igualdade está pendente de chegar en ámbitos de actividade relativamente novos e innovadores, como por exemplo o eido da Intelixencia Artificial (IA), onde só o 22% dos traballadores son mulleres.
E engade o CPEIG: “Agora que os sistemas informáticos gobernan múltiples ámbitos, como as comunicacións, transporte, maquinaria industrial, ámbito sanitario, aeronáutica, abastecemento de enerxía ou o sistema xurídico, as empresas galegas e españolas deben transformarse dixitalmente para contribuír ao incremento da produtividade e a innovación, e esta transformación pode ser unha boa oportunidade para conseguir os obxectivos de paridade”. Para o presidente do CPEIG, Fernando Suárez, a demanda de profesionais TIC altamente cualificados que implica o proceso xeral de transformacoión poderá ser un “excelente motor de igualdade” e fomentar a incorporación de mulleres a distintos sectores produtivos.
No contexto educativo, o Bacharelato científico e tecnolóxico non está á cabeza do que elixen os alumnos, e menos aínda as alumnas. Fernando Suárez afirma que “espertar as vocacións tecnolóxicas e científicas entre as mulleres en idades temperás pode ser o mellor camiño para garantir que a poboación feminina se incorpore dunha maneira natural ao estudo das chamadas carreiras STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) e que xoguen un papel relevante nos sectores que están definindo as tendencias de futuro”.
Tamén asegura que é importante que todos os axentes do sistema educativo (pais, nais e profesores) estean concienciados da importancia de impulsar estas materias e profesións. “Só o 35% dos estudantes matriculados en carreiras STEM son mulleres, e só o 3% das estudantes escollen estudos no ámbito das TIC” –indica–.
Fernando Suárez asegura ademais, malia os datos negativos, que “a informática tamén é cousa de mulleres, e foron moitas as que xogaron un papel crucial durante décadas, como a coñecida Ada Byron, filla do poeta Lord Byron, que pasará á historia como a primeira programadora e da que o CPEIG adoptou o nome para crear un premio pioneiro, a distinción Ada Byron da Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia”.
Ademais, lembra outras figuras femininas excepcionais do sector tecnolóxico, “como Grace Murray Hopper, creadora do primeiro compilador; Anita Borg, fundadora do Instituto da Muller e a Tecnoloxía; Hedy Lamarr, estrela do Hollywood clásico e inventora do espectro ensanchado por salto de frecuencia que se utiliza nos GPS, Bluetooth ou nas conexións Wi-Fi; ou Ana María Prieto, a primeira programadora galega”.
E engade o presidente do colexio: “É hora de borrar os estereotipos de xénero que existen en relación ás profesións STEM e dar visibilidade á importancia que as mulleres teñen, tanto na industria como na universidade”.
Iniciativas do CPEIG
Para incentivar estas vocacións tecnolóxicas entre as rapazas, o CPEIG recorda que ten en marcha programas e proxectos que incentivan a súa curiosidade en robótica, programación ou Intelixencia Artificial, así como xornadas para presentar experiencias profesionais de mulleres relevantes en sectores científicos e tecnolóxicos, para que as nenas e adolescentes coñezan a estas mulleres de éxito e as vexan como modelos a seguir.
Por suposto, a presenza da muller tiña que ser destacada na xunta de goberno do CPEIG da que forman parte tres mulleres, superando a media que existe nos estudos de informática: a vicepresidenta, Susana Ladra, directora do Campus Innova da Universidade da Coruña (UDC); a vicetesoureira, Lorena Otero, profesora da Escola Superior de Enxeñaría Informática da Universidade de Vigo (Uvigo); e María Pilar Vila Avendaño, directora executiva (CEO) da empresa Forensic & Security.

PUBLICIDADE