O CPEIG fai un chamamento a crearmos redes seguras no Día Europeo da Protección de Datos
luns, 28 de xaneiro do 2019
- Fernando Suárez, presidente do CPEIG
No Día Europeo da Protección de Datos, que se celebra
hoxe luns 28 de xaneiro, o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de
Galicia (CPEIG) considera «de
vital importancia» que a sociedade galega tome conciencia da necesidade de
incorporarse á cultura da protección de datos. O presidente do CPEIG,
Fernando Suárez, sinala que 2018 xa seguiu unha clara tendencia nesta materia,
pois foi o ano da protección da información co Regulamento Europeo de
Protección de Datos e a aprobación da Lei Orgánica de Protección de Datos e
Garantía dos Dereitos Dixitais. «Estas melloras e cambios na normativa
sumáronse a outros fitos noticiosos preocupantes acontecidos o pasado ano, como
a comercialización de datos persoais de Facebook ou Cambridge Analytica»
–engade.
O CPEIG elaborou unha listaxe de recomendacións para
contribuír a unha sociedade da información na que a cidadanía sexa consciente de
todas as oportunidades e riscos que ofrece a Internet:
· Antivirus.
Cómpre actualizar periodicamente o software antivirus e de seguridade. Tamén é
necesario configurar o software do navegador coas opcións de seguridade máis
restritivas.
· Executables.
É preferible non descargar programas executables ou ficheiros que sexan
susceptibles de conter software malicioso.
Protexa o seu equipo con programas devasa
e de detección e eliminación de software
espía.
· Identificadores.
O intercambio e a entrega de datos de carácter persoal e bancarios debe
efectuarse nos sitios web que dispoñan de protocolos seguros e de política de
privacidade. Nunca proporcione información sobre os seus identificadores de
usuario e moito menos sobre as súas claves de acceso. Sexa especialmente
rigoroso en avisos de sorteos, ofertas telefónicas ou promocións comerciais de
calquera tipo.
· Contrasinais.
Manteña, a ser posible, contrasinais distintos para cada web ou servizo que sexan suficientemente longos e
difíciles de adiviñar. Procure non usar o PIN dunha tarxeta de crédito, nin a
data de nacemento, nin palabras do dicionario ou diminutivos. Conveñen palabras
nas que se combinen maiúsculas, minúsculas, números e outros caracteres
especiais permitidos, que lle resulten fáciles de recordar aínda que difíciles
de adiviñar a un terceiro.
· Wi-Fi.
Particular atención ás redes sen fíos abertas. A información vai sen
protección, logo é susceptible de ser interceptada e utilizada con fins non
autorizados. É doado obter os datos de acceso da gran maioría das redes.
Recoméndase usar os últimos protocolos dispoñibles cando sexa posible
(WPA/WPA2).
· Buscadores.
Teña en conta que o uso dun buscador xera tratamentos de información, que serán
empregados como mínimo para ofrecer anuncios personalizados. Convén coñecer as
políticas de uso do buscador que máis empregue. Os buscadores poden permitir
obter perfís completos sobre a nosa información pública en Internet.
· Cookies.
Borrar con regularidade as cookies e os arquivos temporais de Internet, así
como o historial de navegación, especialmente cando se acceda a Internet dende
un computador ao que teñan acceso outras persoas.
· Spam.
No caso de recibir correos non desexados (spam), non envíe unha resposta, xa
que estará confirmando a validez do seu enderezo electrónico. É conveniente
desactivar a opción que envía un acuse de recibo ao remitente das mensaxes
lidas do sistema de correo electrónico
· E-mail.
Cando envíe mensaxes de correo electrónico a diferentes destinatarios, cómpre
empregar o campo “Con Copia Oculta (CCO)”. No caso de envíos masivos utilice
‘listaxes de distribución’.
· Redes
sociais. Debe garantir a seguridade da súa información nas redes sociais
mediante unha configuración axeitada do seu perfil e empregando contrasinais.
Non esqueza que os buscadores poden permitirlle a un terceiro obter a
información pública dos perfís.
· Asistentes
de voz intelixentes. Estes novos dispositivos, tan de moda durante 2018, deben
ser usados con coidado, xa que conlevan unha serie de riscos de seguridade e
privacidade, polo que se suxire ser máis conscientes da necesidade de conservar
os datos persoais.
· Imaxe.
A imaxe é un dato de carácter persoal cuxa difusión ou acceso non autorizado
pode ser particularmente molesto ou daniño. Ao publicar unha foto ou escribir
nun foro pode estar incluíndo información sobre outras persoas. Sexa consciente
de que ten que respectar os dereitos desas persoas.
· Cámaras
web. Antes de instalar unha cámara web que reproduza imaxes na Internet,
asegúrese de que a captación sexa o menos intrusiva posible. Así mesmo, debe
garantirse a seguridade impedindo o acceso non autorizado a imaxes captadas por
este tipo de cámaras.
· Infancia.
Debemos educar a infancia nun uso seguro das redes e acompañar os nenos e nenas
na súa navegación. Cómpre adoptar medidas de seguridade física e informáticas
para os máis cativos, como a situación
do ordenador na casa ou unhas horas determinadas de uso.