O CPEIG envorcouse na reivindicación da muller nas TIC ao abeiro da Semana Anita Borg

venres, 6 de febreiro do 2015 Redacción

Os días pasados celebrouse na Facultade de Informática da Coruña a Semana Anita Borg, aniversario da científica e investigadora americana que serviu, entre outras cousas, para promover o papel da muller no mundo das novas tecnoloxías. Como lembramos esta semana, na celebración participaron algunhas das entidades galegas que máis traballan no impulso das TIC e na loita contra a fenda tecnolóxica (docente e profesional) de xénero, non só a propia FIC senón tamén o CITIC. A maiores, concorreu o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, CPEIG, entidade que xa ten unha longa experiencia na reivindicación da muller na Sociedade do Coñecemento e na elaboración de estudos que rastrexan as causas principais da baixa presenza de rapazas nos estudos informáticos.
Volvendo á Semana Anita Borg e dos actos desenvolvidos na Coruña, contou coa presenza do presidente do CPEIG, Fernando Suárez, que acudiu o pasado xoves, día 28, á Facultade de Informática para achegar a súas reflexión sobre a situación laboral das TIC. Suárez realizou unha descrición xenérica da profesión e aludiu logo ao estudo sobre a situación laboral da mesma realizado polo CPEIG, así como á crecente importancia da informática na sociedade actual. Fernando Suárez fixo referencia ás perspectivas de futuro, cunha alta demanda de profesionais, e subliñou os 900.000 postos de traballo que xerará a profesión na Unión Europea nos vindeiros anos. Tamén salientou a escaseza de mulleres nun sector “altamente masculinizado”, cunha falla de referentes e un importante descoñecemento da profesión. Como consecuencia desa masculinización, Suárez subliñou “a perda de talentos e apuntou posibles accións para mitigala, entre outras: actuacións en idades temperás para evitar a fenda de xénero e prexuízos, así como a necesidade de facer visíbeis referentes femininos na Enxeñaría Informática”.
O CPEIG participou tamén no concurso WikinformáticA, dirixido ao alumnado de secundaria que tivo que elaborar unha wiki en galego sobre mulleres destacadas na historia das tecnoloxías da información. Os alumnos e alumnas participaron en grupos coordinados por un profesor do seu centro. Os equipos gañadores recibirán unha impresora 3D patrocinada polo CPEIG e unha visita ás instalacións de R na Coruña.
Deste xeito, o grupo Agra_Hipatia, do IES Agra de Raíces de Cee, mereceu o primeiro premio e recibirá a impresora. Pola súa banda, o equipo Vdemar, do IES Virxe do Mar de Noia, levou o segundo premio e visitará as instalación de R. Asemade, o xurado do concurso tivo unha mención especial para As_revoltas_2, do CPEI As Revoltas de Cabana de Bergantiños e para o grupo Agra_Wonerburger, do IES Agra de Raíces de Cee. En total, participaron no certame 232 alumnos e alumnas de 11 centros de toda Galicia.

PUBLICIDADE