O CPEIG entrega os seus Premios anuais en Compostela

venres, 3 de xuño do 2016 Redacción

Fernando Suárez, presidente do CPEIG, na pasada edición da Noite da Enxeñaría en Informática

Hoxe celebrouse a Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, evento anual do CPEIG no que xúntanse unha nutrida representación dos enxeñeiros en Informática da nosa comunidade para pór de relevo o papel da informática e dos seus profesionais na sociedade actual, nun acto presidido por Fernando Suárez, máximo representante do Colexio, e que contou coa amenización da estrela televisiva Leo Harlem, quen actuou como mestre de cerimonias nun evento que congregou a máis de 300 persoas no Hotel-Monumento San Francisco.

No encontro fíxose entrega dunha nova edición dos Premios anuais que entrega o CPEIG, e que este ano foron os seguintes:
- Premio Proxecto Fin de Carreira: María García García polo proxecto Estratexias transaccionais para lograr High-Perfomance en aplicacións JEE7. O obxectivo do traballo é maximizar a eficiencia dos sistemas de transacción garantindo a integridade e consistencia dos datos.
- Premio Iniciativa Emprendedora: a empresa NLPgo, con sede en Bertamiráns (Ames), nace en 2015 coa vocación de ser o apoio informático necesario para calquera lingüista ou grupo de lingüistas que non dispoñan do soporte informático suficiente para levar a cabo os seus proxectos.
- Premio e-Inclusión: Fundación Vodafone España, pola súa acción social, que realiza con proxectos apoiados en desenvolvementos das TIC a prol das persoas maiores e das persoas con discapacidade baixo o epígrafe Connecting for Good.
- Premio Ada Byron: Nieves Rodríguez Brisaboa, catedrática da Universidade da Coruña da área de Linguaxes e Sistemas Informáticos, creou en 1996 o Laboratorio de Bases de Datos (LBD,) declarado como grupo de investigación de excelencia pola Xunta de Galicia, que dirixe desde entón.
- Premio Iniciativa da Administración: Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo seu proxecto Civil UAVs Initiative. Esta iniciativa, centrada no sector dos avións non tripulados, suporá un investimento de 115 millóns de euros, a creación de 600 empregos e a mellora da concorrencia industrial galega.
- Premio Iniciativa Empresarial: Autoridade Portuaria da Coruña, polo proxecto Smart Port A Coruña, desenvolvido pola UTE Avante Emetel-Altia. O Porto da Coruña aposta por unha solución tecnolóxica a medida que innova sobre solucións existentes e que inclúe investigación e desenvolvemento de novas funcionalidades.
- Premio Traxectoria Profesional: Patricia Rodríguez Dapena, fundadora e CEO dunha empresa asentada en Vigo a través da cal traballa en proxectos relacionados con satélites, coma o Meteosat, e sectores como a automoción. Foi enxeñeira de software e de calidade de software en diferentes empresas españolas e tamén foi staff da Axencia Espacial Europea en Holanda (ESTEC).
- Recoñecemento á Escola Superior de Enxeñaría Informática da Universidade de Vigo polos seus 25 anos de brillante traxectoria desde o campus de Ourense.
- Colexiado de honra: Alejandro Pazos Sierra, catedrático da Universidade da Coruña cunha dilatada carreira profesional como investigador, docente e xestor, é pioneiro en servirlle á medicina desde a intelixencia artificial. Fundou o Grupo de Informática Biomédica (GIB), pioneiro en España nesa área, na Universidade Politécnica de Madrid, e en 1990 o GIB na UDC, pioneiro en Galicia.

Conde subliña o papel da industria informática nos avións non tripulados

A esta cita acudiu o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, quen destacou o rol da informática galega como piar do polo tecnolóxico e industrial de avións non tripulados, en mención do proxecto Civil UAVs Initiative que recibiu un dos premios da noite, e que suporá un investimento de 115 millóns de euros “e que sumará infraestruturas nas que a informática será fundamental, desde un centro tecnolóxicos até unha unidade de formación de operadores de sensores”.
Conde tamén defendeu a transversalidade do sector informático na adaptación do tecido fabril galego á Industria 4.0, revolución industrial que estará baseada en tecnoloxías intimamente ligadas ao sector, como a Internet das Cousas, os novos sensores, ou o Big Data, salientando de paso que “a xestión informática e a ciberseguridade serán vitais”.

Foto de familia da edición do ano pasado da Noite do CPEIG

PUBLICIDADE