O CPEIG e Igualdade entregan os diplomas ás participantes nos cursos Rede-Emprende de Valga

mércores, 22 de xaneiro do 2014 Redacción

O presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática (CPEIG), Fernando Suárez Lorenzo, participou este pasado martes na entrega de diplomas ás alumnas do Programa Rede-Emprende do concello pontevedrés de Valga. A achega Rede-Emprende en Igualdade é unha iniciativa que naceu froito da colaboración entre o Colexio e a Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia a prol da formación inicial dunhas 150 mulleres. Suárez concorreu no acto xunto coa secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, e o alcalde de Valga, José María Bello Maneiro.
Segundo informa o CPEIG, a iniciativa xurdiu como experiencia piloto e a idea era ofrecer accións e ofertas formativas que xirasen arredor de cuestións como o asesoramento e o apoio ás mulleres que tivesen un proxecto empresarial en mente, ou que estivesen a piques de telo, ou simplemente que buscasen emprego e formación. A partir de aí, a iniciativa colleu corpo e consolidouse como unha oportunidade para axudar a un número significativo de mulleres galegas de diferentes concellos sobre todo rurais a concorrer no mercado e atopar un posto laboral, con plenos coñecementos sobre innovación e manexo das novas ferramentas tecnolóxicas de xestión, comunicación e distribución.
As colexiadas e colexiados do CPEIG encargáronse, neste senso, de impartir como expertas/os na materia formación e asesoramento en varios aspectos: iniciación a Internet e redes sociais; novas tecnoloxías e emprendemento; novas tecnoloxías e busca de emprego, e redes e transposición de experiencias. Cada curso tivo unha duración de 20 horas, cun máximo de 20 alumnas en cada edición, e desenvolvéronse nas aulas existentes nos propios concellos ou a través da rede de aulas CEMIT, dependente da Xunta de Galicia. Nesta primeira edición piloto formáronse mulleres nos seguintes concellos: Guitiriz, Quiroga, Leiro, Xunqueira de Ambía, Valga, Abegondo, Porto do Son, Tui, A Cañiza e O Carballiño.
Lembrar que Rede-Emprende en Igualdade responde ao eixe terceiro do Plan Galego para a Igualdade entre Homes e Mulleres (Secretaría Xeral de Igualdade), que busca “outorgar un maior protagonismo ás actuacións que contribúan a facilitar a autonomía económica das mulleres galegas, o que leva a fomentar o seu acceso ao mercado laboral, así coma o seu desenvolvemento profesional e a posta en valor da súa iniciativa emprendedora”, consonte á Estratexia para a igualdade entre mulleres e homes 2010-2015 da Comisión Europea, que sinala o seguinte: “a independencia económica é un requisito previo para que mulleres e homes poidan controlar as súas vidas e teñan unha auténtica liberdade para elixir”.

PUBLICIDADE