O CPEIG e AMTEGA ofrecen este verán máis de 30 xornadas argalleiras para a rapazada
xoves, 19 de xullo do 2018
A
rapazada que queira tecnoloxía este verán, tecnoloxía da que se
fai coa mans de cada quen, vaina ter. E entre as entidades encargadas
de proporcionarlla están o Colexio Profesional de Enxeñaría en
Informática de Galicia (CPEIG)
e máis a a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia
(AMTEGA), que unen forzas
novamente para organizar dende xullo até setembro unhas xornadas
sobre robótica, pilotaxe de drons e creación de personaxes para
videoxogos. As actividades están enmarcadas no programa Tech Kids,
destinado a fomentar o interese pola ciencia e a tecnoloxía entre a
mocidade galega.
Segundo
informan, desenvolveranse máis de 30 xornadas nas aulas CeMIT en
diversos concellos das catro provincias galegas (Fisterra –mañá
venres-20 de 9 a 14 horas na Aula de Deportes do Concello de
Fisterra–, Arzúa, Bande, Carballedo, Beariz, Brión, Boiro,
Ortigueira, Leiro, Guitiriz, Tomiño, Padrón, Xunqueira de Ambía, O
Barco de Valdeorras, Ribeira, Santa Comba, Coruña, Cuntis, San
Sadurniño, Cerceda, Abegondo, Valga, Celanova, Pontedeume, Ribadeo,
Pontevedra, Vimianzo –outros pendentes de confirmación). O CPEIG e
AMTEGA tamén sinalan que os mozos e mozas interesados en participar
nestas xornadas deben inscribirse na Aula CeMIT da súa localidade.
O
tesoureiro do CPEIG e responsábel do programa Tech Kids, Francisco
Rodríguez, sinala que tanto o colexio profesional como a axencia
teñen como obxectivo “fomentar o talento dixital das nenas e nenos
de toda Galicia”. De feito, indica que cómpre asumir que a
transformación tecnolóxica tamén atinxirá aos nosos xeitos de
formarnos, traballar e producir, e, en base a isto, “moitos dos
empregos actuais desaparecerán e haberá novos traballos con
competencias no ámbito dixital”. En concreto, explica que “estes
obradoiros pretenden mellorar a conciencia entre a xente nova de que
a aplicación de computación e codificación para os problemas
sociais reais pode axudar a cambiar o mundo”.
O
representante do CPEIG apunta que nestas sesións celebraranse
competicións nos distintos ámbitos do programa Tech Kids:
programación, robótica, manexo de drons, creación de personaxes
para videoxogos..., de xeito que se ofreza aos mozos e mozas unha
oportunidade para “achegarse de forma lúdica e divertida á
tecnoloxía e á enxeñaría en informática”. A mocidade
participante, salienta, “deberá superar distintos retos e
desafíos, aprendendo e poñendo en práctica o seu talento dixital e
amosando a súa capacidade de resolución de problemas, ao tempo que
desenvolverá competencias persoais como a creatividade e o interese
pola ciencia e tecnoloxía”. Tamén se fará fincapé no fomento do
talento dixital feminino, “para que as nenas e rapazas vexan a
computación e a enxeñería como algo propio delas e consideren a
profesión de Enxeñaría en Informática como un traballo que as
axudará a acadar os seus soños e ambicións”.
Retos
en programación e electrónica
Nas
xornadas de retos de programación e robótica (Stem Scape Room),
os desafíos para os participantes xirarán ao redor da iniciación á
programación con Escornabot, Printbot ou programación de videoxogos
con Makey Makey.
O
reto da programación con Escornabot consistirá en percorrer un
circuíto con obstáculos levando dun punto a outro o robot. Os
rapaces terán que programar o Escornabot para que evite as
dificultades e consiga chegar á meta dunha soa peza. A finalidade
deste taller é iniciar aos nenos e nenas nos primeiros conceptos da
programación, análise, resolución e ordenación.
O
reto da programación con Printbot consistirá en programar un código
que se executará no robot, que terá unha electrónica capaz de
seguir unha liña negra sobre un fondo branco. “Os máis pequenos
aprenderán a programar cunha linguaxe visual o código preciso para
que o robot sexa quen de seguir a liña”, sinala o CPEIG.
Polo
que atinxe ao reto da programación de videoxogos con Makey Makey, os
cativos usarán esta ferramenta para achegarse á electrónica
creando un proxecto no que se simulará o xogo de mesa de operación.
Utilizando como linguaxe de programación o Scratch, os participantes
programarán o seu propio videoxogo de operación.
Piloto
de drons
A
xornada de iniciación na pilotaxe de drons está destinada a rapaces
e rapazas de entre 8 e 16 anos que coñecerán as súas partes, como
se montan e como son capaces de voar. Tamén farán unha práctica
empregando dous tipos de aeronaves: un overcraft (para
entender os controis e movementos) e un dron co que percorrerán un
circuíto e mesmo competirán entre eles.
Do
deseño na fase de concept art até o modelado en 3D
E a
última das xornadas, titulada Deseña a túa personaxe,
estará destinada á creación de personaxes para videoxogos. Os máis
pequenos aprenderán a crear un personaxe desde o seu deseño na fase
de concept art até o seu modelado en 3D. Ademais, coñecerán
os trucos precisos para enfrontarse aos puntos clave do proceso, como
son a anatomía, dimensións, proporcións, sensacións que debe
transmitir, así como a ambientación e historia do personaxe.