O CPEIG e AMTEGA achegan campamentos tecnolóxicos online para 200 familias de toda Galicia
mércores, 22 de xullo do 2020
A
formación tecnolóxica prosegue na nosa terra este verán e o
Colexio Profesional de
Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Axencia
para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA)
encargaranse de asegurar que a formación sexa útil, divertida e, ao
mesmo tempo, segura dende o punto de vista sanitario. Este mércores
22 presentaron as novas actuacións do seu programa conxunto
TechKids, destinado a fomentar o interese pola ciencia e a tecnoloxía
da rapazada de máis de 6 anos. Máis polo miúdo, presentaron os
campamentos tecnolóxicos que van desenvolver este verán (entre
xullo e setembro) sobre deseño de videoxogos, robótica,
programación, creación de aplicacións para móbil ou presentación
dos traballos escolares.
Esta
nova edición TechKids vaise celebrar en liña co campamento
tecnolóxico Constrúe na Casa, que engloba cinco actividades
a elixir en función da idade dos rapaces. Celebraranse do 30 de
xullo ata o 9 de setembro e están dirixidas a nenos e nenas de 1º e
2º ciclo de Primaria e Secundaria. A inscrición, cuxo prazo remata
o 27 de xullo ás 12.00 horas, pode
realizarse xa dende a ligazón de Digitalent e poderán
participar ata 200 familias (sen que sexan precisos coñecementos
previos pero si cumprir cos requisitos técnicos indicados en cada
proposta). Terán preferencia os usuarios das aulas CeMIT, cun máximo
de 20 alumnos por grupo.
Cada
familia pode anotarse a cada proxecto e terá a posibilidade de ver o
seguimento do mesmo nunha charla (vídeo-conferencia ou telefónica)
cun colexiado que lles achegará asesoramento. Os proxectos
realizados pódense documentar en vídeo ou fotos e presentalos a un
concurso entre todos os participantes.
Cinco
proxectos
Os
participantes poderán elixir entre os cinco proxectos. Así, poden
optar por aprender a deseñar e construír diferentes tipos de xogos
de plataformas en 2D e 3D, xogos de rol completos, xogos de avance
lineal e xogos baseados na física.
Asemade,
poderanse aprender os fundamentos da robótica e programación básica
con contornas virtuais, o funcionamento básico dun robot e a lóxica
computacional.
Outra
das opcións é a creación de aplicacións para móbiles ou
tabletas, empregando “unha linguaxe de programación visual moi
fácil de usar”, explican o CPEIG e AMTEGA, engadindo que tamén se
subministrará a oportunidade de aprender “todo o necesario para os
traballos de clase dos rapaces, coñecendo os compoñentes dun
computador e os seus periféricos, sabendo como crear e organizar as
tarefas no computador e na nube; así como ferramentas para a edición
de textos, imaxes, vídeos e presentacións; ademais de obter
información da Internet de forma segura e saber como compartir os
traballos”.
Nas
actividades centradas no videoxogo Minecraft, os alumnos
desenvolveranse nunha contorna de programación baseada en bloques.
Dentro desta plataforma os rapaces tamén poderán crear bloques e
texturas personalizadas completamente funcionais dentro do xogo.
“Exercitarán así a súa creatividade e aprenderán a cooperar e a
traballar en equipo, engaden dende o colexio e máis a axencia.