O CPEIG distinguirá a Núria Castell e Karina Gilbert na Noite da Enxeñaría en Informática

xoves, 9 de xuño do 2022 S. P.

Núria CastellO Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) decidiu outorgar o Premio Ada Byron á doutora en Informática Núria Castell Ariño, e á catedrática Karina Gibert Oliveras, ambas da Universidade Politécnica de Cataluña-BarcelonaTech (UPC). Serán entregados no marco da XIV Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, que se celebra o 1 xullo no Hotel Puerta del Camino.
Núria Castell Ariño (Hospitalet de Llobregat, 1958) licenciouse en Informática nas primeiras promocións en España na Universidade Autónoma de Barcelona (UAB), concretamente en 1981 sendo unha das 13 únicas mulleres de entre os 400 matriculados no inicio da carreira, e doutourouse na UPC en 1989. Segundo explica, ao finalizar o instituto tenteou a posibilidade de estudar matemáticas, pero pola falta de aplicacións e por considerar a docencia como única saída profesional descartou a idea. Vendo o catálogo dos estudos universitarios da UAB en 1976, cando non existía aínda internet, optou por unha formación de cinco anos en informática, previa á creación desta licenciatura. “Me pareció que informática podría ser una forma interesante de aplicar matemáticas y tener diversidad de salidas profesionales y me lancé a un mundo por descubrir” .
Os inicios foron de “la única en el equipo”. Núria Castell Ariño lembra como no penúltimo ano de carreira traballou unha media xornada de bolseira como programadora nun centro de cálculo, onde era a única muller. Xa no último ano da carreira traballou a tempo completo como programadora no centro de cálculo dunha importante empresa de seguros. Aquí tamén era a única entre programadores e analistas. “El trato era el de ‘la peque’, mujer y jovencita, pero respetando mi trabajo”, recorda.
Ao rematar os estudos, incorporouse á universidade e a situación continuaba igual, sendo tamén alí unha das poucas mulleres. Durante uns anos estivo no equipo de investigación dunha empresa traballando en temas de tratamento automático da linguaxe. O equipo era interdisciplinar, de lingüistas e informáticos, e na parte técnica outra vez era a única muller. Anos despois, foi vicedecana de Relacións Internacionais (2004-2010) e decana (2010-2017) da Facultade de Informática da UPC. É tamén a cofundadora do Centro de Investigación en Tecnologías y Aplicaciones del Lenguaje y el Habla (TALP) e posteriormente do Centro de Investigación de Ciencia de Datos Inteligente e Inteligencia Artificial (IDEAI).
O seu ámbito de investigación é o procesamento automático da linguaxe natural. Publicou artigos en congresos, revistas e libros relacionados con esta temática, así como sobre a enxeñaría do software e outros temas referentes á educación universitaria. Coorganizou diversos congresos científicos e participou en proxectos de investigación nacionais e europeos, sendo a investigadora responsable nalgúns deles.
Participou activamente no deseño e innovación de programas educativos, non só a nivel UPC, senón tamén no marco de proxectos internacionais. O máis recente foi o proxecto europeo “eHealth Eurocampus” orientado á formación combinada en TIC e saúde. Actualmente segue colaborando en programas de formación continua coa UPC School e codirixe un proxecto de investigación sobre a internacionalización dun centro docente universitario.
Por outra banda, Núria Castell Ariño participa activamente en temas de igualdade de xénero e especialmente en accións, locais e internacionais, para incrementar a presenza de mulleres no ámbito das Tecnoloxías da información e as Comunicacións (TIC).
Formou parte do deseño de varios plans de igualdade da UPC, como membro da súa comisión de igualdade e liderando proxectos internos como o +noiesTIC (+chicasTIC). Neste ámbito, colaborou no proxecto europeo H2020 Gender Equality en Engineering through Communication and Commitment (GEECCO), cuxos resultados foron merecedores de diversos premios. Participa en programas de mentorías dirixidas a alumnado de primaria, especialmente ás nenas, para incrementar as vocacións polas disciplinas STEM (programa Inspira STEAM –creado pola Universidade de Deusto– e programa aquíSTEAM da UPC). Actualmente, é asesora de temas de xénero nalgúns proxectos europeos.
Son moitas as actividades que realizou e realiza actualmente para fomentar a presenza feminina e dar visibilidade ás mulleres no campo tecnolóxico. Incentivou accións de visibilización, tales como a promoción de Doutoras Honoris Causa pola UPC (Barbara Liskov e Margaret Hamilton); participou en proxectos como o Inspiring Girls ou o Noies, les TIC són nostres; participou en xurados de premios; dirixiu en 2019 o programa Dona i Tecnologia: un tàndem de futur; e creou e participou en comisións de xénero (donesCOEINF, Mujeres en Informática do CCII, Intercolegial catalana).
Baixo o seu primeiro mandato como decana e co apoio das axudas económicas de Google, nace e desprégase o proxecto Girls4Bits na FIB que se desenvolve entre 2010 e 2015. O seu obxecto foi loitar contra os tópicos e estereotipos negativos e ofrecer unha visión distinta da informática. Como resultado, xeráronse contidos dixitais para visualizar o traballo realizado polas enxeñeiras en informática, e a visión que teñen algunhas estudantes ou recentes tituladas da formación e profesión. Produciuse unha serie de seis vídeos con testemuñas de estudantes e profesionais, creouse un portal web para reunir a información para a promoción dos estudos do Grao de Enxeñaría Informática e actualizouse e mellorouse a exposición Pioneras de la Informática y las Telecomunicaciones.
Nesta liña, Castell Ariño fomentou accións para incrementar a presenza feminina, como a mentorización de programas en escolas de primaria (Inspira STEM e Aquí STEAM); e organizou actividades no campus da UPC ao redor de datas especiais como o 11 de febreiro –Día internacional da Muller e a Nena na Ciencia–, o Día da Muller o 8 de marzo e o Girls in ICT day no mes de abril. A nivel internacional, a enxeñeira organizou o ACM-WE womENcourage 2017, congreso do que forma parte do seu comité directivo desde 2018 e actualmente preside; tamén organizou en 2018 BGCW; participou en proxectos europeos de temas de xénero como o GEECCO (Igualdade de Xénero na Enxeñaría a través da Comunicación e o Compromiso); e é asesora experta en xénero no WiPLASH (plasticidade sen fíos para arquitecturas informáticas heteroxéneas masivas).
Núria é cofundadora da comisión de xénero do Colegio Oficial de Ingeniería Informática de Cataluña (COEINF) do 2018 á actualidade e forma parte do comité de expertas da comisión de xénero da Intercolegial de Colegios Profesionales de Cataluña (2021-actualidade). Tamén é cofundadora de Mujeres en Ingeniería Informática (2021- actualidade), a comisión de xénero do Consejo de Colegios en Ingeniería Informática (CCII). Desde 2018 forma parte do Steering Committee do womENcourage, organizado anualmente polo Capítulo de Mujeres de ACM en Europa (ACM-WE), onde a día de hoxe é a presidenta do seu comité. Foi embaixadora do WiDS 2022 de Stanford, celebrado en Barcelona o pasado 20 de abril.
Castell Ariño recibiu varios premios por motivos diversos (calidade docente, traxectoria persoal ou tema de xénero). Os máis recentes son a mención honorífica do premio Creu Casas Mujeres para cambiar el mundo do Institut d’Estudis Catalans (IEC) en 2020; o premio UPC ao Compromiso Social no ámbito da igualdade de xénero en 2020 (individual) e en 2021 (colectivo); o premio á Personalidade Destacada de LaNit 2021, outorgado por Telecos.cat e Colexio Oficial de Enxeñaría en Informática de Cataluña (COEINF); e a Mención M. Encarna Sanahuja Yll da Generalitat en 2021 polo proxecto de inclusión na práctica docente da perspectiva de xénero.
Karina Gibert Oliveras, natural de Figueres (Girona), é catedrática en Intelixencia Artificial e Ciencia de Datos da Universidade Politécnica de Cataluña-BarcelonaTech (UPC). É licenciada e co doutoramento en Informática coas especialidades de Estatística Computacional e Intelixencia Artificial (IA), sendo cofundadora e directora desde febreiro de 2021 do centro de Investigación en Intelligent Data Science and Artificial Intelligence (IDEAI-UPC). Actualmente, tamén é a vicedecana de presidencia para Igualdade e Ética do Colexio Oficial de Enxeñaría Informática de Cataluña (COEINF), e anteriormente foi vicedecana de Big Data, Data Science e IA do COEINF.

Karina Gibert

É experta da Estrategia Catalana de IA (Catalonia.AI) desde 2018. É membro do Consello Asesor do Observatorio de Ética na Inteligencia Artificial de Cataluña desde 2020, da Axencia da Transparencia da Área Metropolitana de Barcelona desde 2021, e do comité de ética de CIDAI, ademais de asesora da Comisión Europea en ética da Intelixencia Artificial desde 2019, experta do Senado en Intelixencia Artificial e Ética en 2021, e directora do proxecto ciutadanIA.cat, un curso de divulgación sobre IA para toda a cidadanía. A maiores, Karina Gibert é membro do comité de ética dos datos do departamento de Presidencia da Generalitat de Cataluña.
En temas de xénero, é fundadora da Comisión donesCOEINF para a brecha de xénero en Enxeñaría Informática desde 2018, membros da donesIAcat da Asociación Catalana de Inteligencia Artificial (ACIA) desde 2019, y desde 2021 de Mujeres en Ingeniería Informática do Consejo de Colegios de Ingeniería Informática de España (CCII), e doutras comisións de xénero.
Neste 2022 é embaixadora da Iniciativa Mujeres en la Ciencia de Datos (WiDS-Barcelona 2022 de Stanford), posto que tamén ocupou en 2021. É editora da revista Environmental Modeling and Software do JCR, Elsevier, membro electo do board da Int’l Environmental Modelling and Software Society (iEMS), membro do Comité Computational Statistics and Data Mining for Knowledge Discovery da Asociación Internacional de Computación Estatística (IASC), e foi consultora do departamento de Saúde Mental da OMS para a conceptualización de sistemas de Saúde Mental en países LAMIC. Foi a investigadora principal no proxecto INSESS-COVID19 para descubrir o impacto da COViD-19 na vulnerabilidade social (finalista aos Premios Europeos en Servizos Sociais en 2021). Moi activa en investigación e produción científica, con máis de trinta anos de experiencia no uso social da tecnoloxía en ámbitos como saúde, benestar, medio ambiente e sostibilidade, publicou máis de 450 publicacións científicas, 44 en JCR, 25 en QI. Liderou tamén o desenvolvemento da plataforma tecnolóxica critvirtual.com en favor das mulleres afganas.
En canto aos recoñecementos, Karina Gibert recibiu unha mención de honra no Premio Creu Casas nas edicións de 2021 e 2022; o premio Mulleres Para Cambiar o Mundo do Institut d’Estudis Catalans; o Premio donaTIC 2018 na categoría académica/investigadora; o primeiro premio HackingBullipedia 2013, relacionado co famoso chef Ferrán Adrià, co proxecto GENESIS Soporte de decisións intelixentes para a creatividade a través da análise evolutiva; e o Premio ao mellor proxecto europeo de e-Health da UE ao proxecto K4Care en 2010 polos altos estándares de calidade alcanzados. Tamén foi finalista dos European Social Services Awards 2021 polo proxecto INSESS-COVID19 e dos Premios AMETIC 2021 polo proxecto Top Secret Rosies de xeración de talento feminino.

PUBLICIDADE