O CPEIG distingue a Bertha Guijarro como exemplo feminino no ámbito tecnolóxico

mércores, 28 de maio do 2014 Redacción

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) vén de fallar o Premio Ada Byron, que busca dar visibilidade á participación feminina en todos os niveis da tecnoloxía (como usuarias, como emprendedoras, como xeradoras de innovacións, investigadoras e líderes), e que recaerá en Bertha Guijarro Berdiñas, vice coordinadora-responsable científica do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e das Comunicación (CITIC) da Universidade da Coruña.
Guijarro é doutora en Informática pola UDC, universidade onde imparte docencia e desenvolve tamén a súa carreira como investigadora. É titular do Departamento de Computación da Facultade de Informática da UDC e membro activo do Grupo de Investigación LIDIA. Tamén é adxunta ao coordinador da Axencia Nacional de Avaliación e Prospectiva (ANEP) para a subárea científica de Sistemas Intelixentes.
Entre os cargos ostentados por Guijarro están a coordinación do CITIC e a dirección da Oficina de Relacións Internacionais da Universidade da Coruña, entidade na que tamén exerceu de coordinadora de Proxección Internacional.

PUBLICIDADE