O CPEIG demanda que se esixa a Enxeñaría en Informática para poder concorrer a unhas oposicións autonómicas

luns, 29 de xullo do 2019 Redacción

Fernando Suárez, presidente do CPEIG

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) segue adiante co seu compromiso a prol da defensa da profesión, traballando por garantir a presenza das enxeñeiras e enxeñeiros alí onde sexa precisa e requirida a súa actividade: nun número cada vez maior de ámbitos privados e públicos. Abeirado a este obxectivo, vén de emitir un comunicado no que demanda á Administración que se esixa a titulación de Enxeñaría en Informática para poder concorrer a unhas oposicións.
Máis polo miúdo, trátase da convocatoria para o corpo facultativo superior da Administración Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia (subgrupo A1) da escala de Sistemas e Tecnoloxías da Información. Segundo fai saber o colexio profesional, non se esixe especificamente a titulación de Enxeñaría en Informática para poder concorrer á convocatoria deste proceso selectivo, polo que o CPEIG recorda que este tipo de procedementos debe rexerse polo criterio de “idoneidade fronte á exclusividade”, é dicir, “non todos os títulos oficiais resultan axeitados ou idóneos para o desempeño das funcións dos postos de traballo convocados, senón só aqueles que reúnan un nivel de coñecementos técnicos suficientes, comúns e relacionados coas referidas funcións”.
A convocatoria foi publicada no DOG en marzo de 2018, pero o pasado venres, 19 de xullo, fíxose público o nomeamento de tribunais para esta e outras oposicións. O CPEIG lembra que nestes documentos pódese ver claramente as diferencias existentes, xa que nunha das convocatorias para a escala de enxeñeiros especifícase a especialidade requirida para poder optar ao posto (Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos), mentres que na convocatoria concreta da escala de sistemas e tecnoloxías da información non se matiza a titulación, senón que simplemente “dise que se debe estar en posesión ou en condicións de obter o título de licenciado ou graduado nunha titulación de calquera rama”.
O CPEIG denuncia esta situación e solicita á Administración que “considere a titulación de Enxeñaría en Informática ao mesmo nivel có resto de enxeñarías”. O presidente do Colexio, Fernando Suárez, sinala que a que representa o colexio é unha profesión que ten un “crecente impacto na vida das persoas, na creación de riqueza e no desenvolvemento económico do país, sendo a profesión máis social que existe”.

PUBLICIDADE