O CPEIG convoca o premio fin de carreira e mestrado en Enxeñaría Informática

venres, 8 de marzo do 2019 Redacción

O galardón entregarase no transcurso da Noite da Enxeñaría en Informática que organiza o CPEIG

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) convocou o Premio Fin de Carreira e Máster en Enxeñaría Informática, que vai pola súa novena entrega. O galardón, que ten unha dotación económica de 1.000 euros, beneficiará aos tres finalistas (seleccionados por unha comisión experta) dun ano de colexiación de balde. Segundo informa o CPEIG, poderanse presentar traballos até o 10 de maio e o premio entregarase no marco da Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, que se celebrará o 28 de xuño en Santiago de Compostela.
O recoñecemento quere ser “un estímulo para os estudantes e recentemente titulados en Enxeñaría en Informática ou Máster en Enxeñaría Informática”, informou o CPEIG, engadindo que poden concorrer enxeñeiras e enxeñeiros que presentaran nunha universidade galega o proxecto fin de carreira da Enxeñaría en Informática ou o traballo fin de Máster en Enxeñaría Informática nos anos 2017, 2018 e 2019. Aqueles estudantes que queiran optar ao premio do CPEIG poden remitir a documentación precisa (ficha resumo do proxecto, resumo e memoria completa do mesmo) até o día 10 de maio ao seguinte enderezo electrónico: informacion@cpeig.gal. A información sobre as bases xa está habilitada na web do colexio, en formato PDF, ao igual que o formulario para presentar candidatura.
Mediante a organización deste premio, o ente colexial busca “achegarse ao colectivo estudantil e defender as vantaxes da colexiación, ademais de estimular o traballo dos estudantes”.
A Noite
A convocatoria realizada polo CPEIG insírese nos premios da Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, que o Colexio organizará o 28 de xuño, en Santiago de Compostela. Este evento anual, ademais de representar un punto de encontro entre todos os colexiados, conta cunha destacada participación de cargos empresariais, institucionais e políticos e é un referente para o sector.

PUBLICIDADE