O CPEIG convoca o I Premio Proxecto Fin de Carreira para estudantes de Enxeñaría en Informática

luns, 7 de xuño do 2010 Raquel Noya

Os e as estudantes de Enxeñaría en Informática que teñan realizado os seus estudos en Galicia nos últimos dous anos (2009 e 2010) teñen a gran sorte de que o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) vén de convocar o primeiro Premio Proxecto Fin de Carreira dirixido especificamente a eles, para galardoar a aquel alumno ou alumna que, ao seu xuízo, máis se esforzara na súa execución.
Con este galardón, o ente colexial busca achegarse ao colectivo estudantil e defender as vantaxes da colexiación, ademais de estimular o traballo dos e das estudantes de Enxeñaría en Informática do noso país.
Aquelas persoas que queiran optar ao premio do CPEIG deberán remitir os seus proxectos antes do 15 de setembro ao enderezo electrónico: info@cpeig.org.
Unha comisión, integrada por docentes universitarios e representantes do CPEIG, valorará os traballos recibidos e determinará o nome do gañador ou gañadora, que percibirá 1.000 euros como premio ao seu esforzo e traballo.
O galardón do CPEIG convócase no marco dos Premios da II Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, que esta entidade organizará no presente ano o vindeiro 15 de outubro, no Hostal dos Reis Católicos, en Santiago de Compostela. Este evento anual representa un punto de encontro entre todos os colexiados e o ano pasado tivo a súa primeira edición, cunha destacada participación de colexiados e colexiadas, e cargos institucionais e políticos.

PUBLICIDADE