O CPEIG convoca ao noso sector TIC para a súa gala do 28 de outubro en Santiago

mércores, 19 de outubro do 2011 Redacción

As/os integrantes do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) celebrarán o seu encontro anual o vindeiro día 28 de outubro. A Terceira Noite da Enxeñaría en Informática é unha xuntanza na que o interese común da defensa da Informática reunirá unhas 300 persoas no Hostal dos Reis Católicos, en Santiago de Compostela. A celebración da gala inclúe a entrega dos premios que anualmente concede o CPEIG, nesta ocasión coa novidade do galardón Comunicación Informática e o recoñecemento á Facultade de Informática da Coruña polo seu 25 aniversario.
A continuación, sinálanse as modalidades de premios que se conceden na presente edición e os seus gañadores:
· Premio á Facultade de Informática da Coruña polo seu 25 aniversario.
· Premio Proxecto Fin de Carreira: pendente de concesión.
· Premio Comunicación Informática: pendente de concesión.
· Premio á Traxectoria Profesional: Juan Pazos Sierra, primeiro doutor en Informática e catedrático de Enxeñaría do Coñecemento de España. Foi director do primeiro laboratorio de intelixencia artificial de España.
· Premio Iniciativa Empresarial: saída da consultora tecnolóxica Altia ao Mercado Alternativo Bursátil (MAB).
· Premio Iniciativa da Administración: proxecto Abalar.
· Premio Iniciativa Emprendedora: Iniciador Galicia. Punto de encontro para os emprendedores TIC galegos que xa conta con más de 25 eventos, máis de 1.200 asistentes, máis de 900 seareiros por streaming, 1.700 followers en Twitter e 350 seareiros en Linkedin.
O actor e monologuista Miguel Lago actuará como mantedor do acto .

Patrocinadores
Como en ocasións anteriores, o CPEIG conta co patrocinio de diversas empresas e institucións para a organización da gala. Colaboran como patrocinadores de ouro: Altia, Bahia Software, Bull, Everis, Hewlett-Packard, Plexus, Telefónica e Xunta de Galicia; como patrocinador de prata, o Concello de Santiago e como patrocinadores de bronce: Coremain, El Corte Inglés, Insa, Retegal, Tecnocom, Treelogic e La Caixa.

Sobre o CPEIG
O CPEIG é un dos colexios profesionais máis activos na defensa dos intereses dos seus colexiados. Con sede en Santiago de Compostela, na actualidade conta con máis de 300 persoas colexiadas.

PUBLICIDADE