O CPEIG convoca a quinta edición do seu Premio Proxecto Fin de Carreira ou Master

martes, 25 de marzo do 2014 Redacción

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) vén de convocar a quinta edición do Premio Proxecto Fin de Carreira ou Master, dirixido a estudantes e mozas e mozos acabadas de titularse en Enxeñaría en Informática ou Master en Enxeñaría Informática. Poderán concorrer ao premio todos aqueles que presentaran, nos anos 2012, 2013 ou 2014 e nunha universidade galega, o proxecto de fin de carreira de Enxeñaría en Informática, traballo fin de master de Enxeñaría Informática ou de calquera outra titulación que legalmente habilite ou vincule para o exercicio da profesión. O gañador ou gañadora recibirá un premio en metálico de 1.000 euros.
Todos aqueles/as estudantes que queiran optar ao premio do CPEIG poden remitir a documentación precisa (ficha resumo do proxecto, resumo do proxecto e memoria completa do mesmo) ata o día 15 de maio ao seguinte enderezo electrónico: informacion@cpeig.org. Unha comisión experta, integrada por docentes universitarios e representantes do CPEIG valorará os traballos recibidos e seleccionará o gañador ou gañadora.
Mediante este recoñecemento, o ente colexial busca achegarse ao colectivo estudantil e defender as vantaxes da integrarse na dita plataforma común, ademais de estimular o traballo dos estudantes de Enxeñaría en Informática e Master.
O galardón do CPEIG insírese nos Premios da Sexta Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, que o ente colexial organizará o 13 de xuño, en Santiago de Compostela. “Este evento anual”, engade o CPEIG, representa un punto de encontro entre todos os colexiados e conta cunha destacada participación de cargos institucionais e políticos.

PUBLICIDADE