O CPEIG convida ao novo Goberno galego a apostar decididamente pola Enxeñaría Informática

martes, 23 de outubro do 2012 Redacción

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia vén de facer un chamamento ao Goberno galego reelixido co fin de animalo a facer unha aposta decidida a prol da profesión que a entidade representa, debido en boa medida ao interese estratéxico das traballadoras e traballadores das novas tecnoloxías da información para o desenvolvemento dun país, neste caso concreto o noso, sendo como son o coñecemento e a innovación materias primas de probada eficacia para saír dunha focha produtiva.
Cómpre lembrar que o CPEIG, ao longo da campaña electoral, remitiulles aos líderes das distintas formacións políticas senllas cartas nas que lles suxerían iniciativas a prol da informática e a prol do desenvolvemento da sociedade galega, ademais de solicitar un encontro persoal cos representantes políticos.
Froitos desas comunicacións, o CPEIG mantivo un encontro persoal co BNG, en concreto coa deputada Ana Luísa Bouza, o pasado día 17 de outubro. Por outra banda, asistiu ese mesmo día, convidado polo PP, a un almorzo TIC con outros representantes do sector e, días despois, a un novo almorzo co candidato popular, Alberto Núñez Feijóo, e representantes de distintos sectores produtivos, económicos e sociais de Galicia.
Nestes encontros, o presidente do CPEIG, Fernando Suárez Lorenzo, trasladoulles aos representantes políticos as inquietudes das colexiadas e colexiados en aspectos como a Axencia Galega de Protección de Datos; a presenza feminina na Enxeñaría Informática; a necesidade de continuar a aposta polo Open Data e a Administración Electrónica e a necesidade de salientar e impulsar as accións no desenvolvemento do software e servizos informáticos.

PUBLICIDADE