O CPEIG colaborará na creación do novo master de Enxeñería en Informática de Ourense

luns, 13 de setembro do 2010 Fernando Sarasketa

Fernando Suárez, presidente do colexio profesional galego

Os enxeñeiros galegos en Informática seguen a colaborar cos profesionais docentes na mellora da oferta educativa do noso país no plano tecnolóxico e das comunicacións. Se hai unhas semanas falabamos da posta en marcha dun Máster en Enxeñaría de Informática na Universidade de Santiago (USC), proxecto no que colabora arreo o CPEIG, agora toca facelo dunha iniciativa de semellante fondo e feitura, pero de diferente emprazamento xeográfico. Falamos do plan para implantar en Ourense o novo Máster de Enxeñaría en Informática da Universidade de Vigo, actividade formativa que forma parte da adaptación da institución educativa superior ao Plan Boloña.
Pois ben, igual que no caso compostelán, o CPEIG achegará a súa máxima colaboración no desenvolvemento do master, que se impartirá dende a ESEI de Ourense. Máis polo miúdo, o colexio galego participará no proxecto como integrante da comisión de expertos encargada da súa posta en marcha.
Tal e como nos recordan dende o CPEIG, “trátase da segunda universidade, logo da compostelá, que reclama o asesoramento do colexio para a creación deste tipo de mestrado”. Segundo fan saber os enxeñeiros, calcúlase que a implantación do master será efectiva no curso 2011/2012, “e ata esa data hai programada unha longa serie de xuntanzas da comisión”.
Sobre as vantaxes que estes proxectos achegan ás universidades e, sobre todo, ao alumnado, dicir que supoñen “unha oportunidade para as enxeñeiras e enxeñeiros no seu acceso ao mundo laboral”, engade o colexio. Con todo, os masters en cuestión representarían unha mellora sobre unha situación que a xuízo do CPEIG é boa de por si. Deste xeito, engaden, “o 81% dos/as enxeñeiros/as informáticos/as galegos/as atopan o seu primeiro emprego nos tres meses posteriores ao remate da carreira”.
Asemade, o 94,8% das persoas tituladas en Enxeñaría Informática están traballando na actualidade, segundo o estudo A Situación Laboral nas Enxeñarías en Informática de Galicia, presentado no mes de abril pola Xunta e os enxeñeiros de informática e os enxeñeiros técnicos en informática.

PUBLICIDADE