O CPEIG avoga polo uso responsábel de Internet na nenez

mércores, 12 de decembro do 2012 Redacción

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) segue a traballar na procura de recursos que contribúan a un emprego racional das novas tecnoloxías da información entre os máis pequenos, un dos obxectivos básicos, precisamente, do seu programa Navega con Rumbo para as escolas galegas. Segundo conta o presidente do colexio, Fernando Suárez, nunha reportaxe de La Nación sobre o problema da adicción de nenos e adolescentes ás novas ferramentas dixitais, a clave non está en prohibir ou restrinxir a toda costa, cousa que pecharía o acceso dos cativos á contorna de seu, senón que a solución debe pasar por fomentar o uso responsábel de Internet. Así, sinálase, mentres outros profesionais avogan por limitar o acceso ou cuestionar as vantaxes das redes, o CPEIG defende os beneficios formativos e comunicativos destas ferramentas.
Segundo apunta o propio Fernando Suárez na dita reportaxe, “os responsábeis da educación dos menores debemos ser conscientes do enorme potencial que achegan na súa formación integral e coñecer os límites ao seu uso que debemos impor, pero sempre dentro duns parámetros nos que sopesemos claramente o valor que achegan as tecnoloxías á educación dos nenos”, agrega. Nun panorama no que se fai evidente que as TIC, malia non ser causantes directas de patoloxías, poden alentar ou facer abrollar trastornos latentes, o CPEIG tamén lembra que as redes son fontes de información e a comunicación que aplican no seu formatos e metodoloxías que en parte xa existían noutras fontes previas. A mesma cautela e o mesmo interese positivo que se teñen por estas, débense ter polas TIC. Segundo Fernando Suárez, "do mesmo xeito que os pais preocupámonos por coñecer aos amigos dos nosos fillos, debemos aplicar esta pauta aos amigos que teñen nas redes sociais; do mesmo xeito que preguntamos onde van nos seus intres libres, debemos saber por onde navegan na Rede", sinala. O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia salienta tamén que “é fundamental ter un clima de confianza cos fillos, sendo conscientes de que as restricións que se poden expor nas casas ao uso das TIC desaparecen fóra do fogar”.

PUBLICIDADE