O CPEIG asina un convenio co programa de entrevistas SinFiltro, dirixido por Marcelo Castelo

luns, 28 de febreiro do 2022 S. P.

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) asinou un convenio de colaboración co proxecto SinFiltro, impulsado polo divulgador Marcelo Castelo. O acordo foi formalizado entre o presidente do CPEIG, Fernando Suárez, e o editor, director e presentador do programa de entrevistas SinFiltro, experto en comunicación e divulgador.
SinFiltro é un proxecto que busca mellorar a percepción social do tecnólogo mostrando o seu lado máis humano, achegando un espazo no que as persoas convidadas son expertas en novas tecnoloxías que proporcionan ao público claves e achados a través dunha comunicación persoal, non profesional, deliberando con humor, pero tamén con profundidade intelectual, sobre temas éticos, humanos e filosóficos. Os programas de SinFiltro emítense en directo a través de diferentes redes sociais.
No marco desta colaboración, o vindeiro 9 de marzo, Fernando Suárez será o protagonista do próximo SinFiltro, e manterá un faladoiro canalla con Marcelo Castelo falando das súas ideas, crenzas, medos e anhelos da vida, pero tamén tratará temas máis sociais como sexo, política ou relixión. Será as 17 horas e emitirase por Youtube, LinkedIn e Facebook de SinFiltro. No encontro, contarase tamén coa anterior invitada do programa, Mercedes Buxadera, CIO de Danone. Neste caso, o CPEIG apoiará publicamente e dará a coñecer este proxecto dentro do seu colectivo e na sociedade en xeral.

Marcelo Castelo e Fernando Suárez

PUBLICIDADE