O CPEIG aconsella mercar por Internet con seguridade no Black Friday

xoves, 12 de novembro do 2020 S. P.

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) vén de lanzar unha serie de recomendacións importantes de cara á celebración da campaña do Black Friday (o vindeiro 27 de novembro), poñendo o foco na necesidade de mercar por Internet con seguridade, aplicando o sentido común e, tamén, “fuxindo das ofertas demasiado atractivas”.
Tamén fai fincapé na importancia de empregar webs de confianza. O CPEIG lembra que o 90% dos ciberataques que se producen actualmente son froito do phishing, estafa coa que os ciberdelincuentes rouban o nome de usuario e o contrasinal. Este tipo de fraudes irá de xeito inevitábel a máis coa celebración do Black Friday, que na edición 2020 prevé un importante aumento das compras en liña por causa da COVID.
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) explica que o ecommerce ou comercio electrónico é un sistema de compravenda de produtos e servizos que está cada vez máis de moda e suma adeptos día tras día. A entidade recorda, a respecto do devandito, que segundo o informe La Sociedad Digital en España 2019 da Fundación Telefónica, Galicia rexistrou un forte incremento en relación ao comercio electrónico, alcanzando un 39,2 % en 2019.
Segundo o CPEIG, “en moitas ocasións, saturados polas présas do día a día, os compradores non se paran a pensar no fácil que o teñen os ciberdelincuentes nestas datas para roubar os datos o estafar”. O presidente do CPEIG, Fernando Suárez, sinala “que cada vez se compra máis por internet, onde hai gran variedade de opcións, multiplicándose o número de transaccións”. Asegura que “si é seguro mercar de forma online”, aínda que indica que tamén hai que ter en conta unha serie de riscos, sen conscientes deles e tomar as pautas de seguridade necesarias. “O máis sinxelo é aplicar o sentido común, desconfiar das gangas e produtos milagrosos, mercar en webs de confianza nas que o vendedor estea identificado cos seus datos de contacto por se é preciso contactar por dúbidas ou devolución do produto”, explica.
Ademais, nestes días de gran volume de compras a través da Rede unha das principais ciberameazas da actualidade é o phishing, un tipo de estafa coa que os ciberdelincuentes rouban o nome de usuario e o contrasinal. O CPEIG sinala que para levar a cabo esta ciberdelito, os atacantes envían un correo electrónico (que simula provir dunha marca ou tenda coñecida) no que se inclúe unha ligazón a un portal falso e solicitan os datos do usuario, cunha mensaxe semellante á seguinte: “Houbo un problema co seu pedido. Inicie sesión na súa conta e confirme os detalles do seu pago”.
Para protexerse contra un ataque de phishing, en troques de facer clic no enlace do correo electrónico, o CPEIG explica que o consumidor debe ir directamente ao sitio web da marca real e iniciar sesión aí. “O phishing é o punto de partida do 90% de ciberataques que se producen actualmente”, engade Suárez
Por todo o devandito, o Colexio ofrece unha serie de consellos para axudar e previr á poboación:
• Nunca deben realizarse compras por internet conectado a unha rede Wi-Fi pública.
• Hai que asegurarse de que se visitan webs seguras, comprobando que na parte superior apareza o cadeado de SSL
• A privacidade é fundamental polo que é importante que xamais se revele a información persoal (nº de tarxeta, dirección…) por email ou teléfono.
• Cómpre usar unha tarxeta só para compras por Internet, unha boa opción é ter unha de prepago, a cal se utilice só para eses fins. Mesmo moitas entidades bancarias ofrecen tarxetas virtuais para este tipo de compras.
• Debemos memorizar o código CCV e borralo da tarxeta, en caso de que se extravíe non poderán realizar compras por Internet.
• Escribir a URL da web na barra de enderezos no canto de entrar a través dunha ligazón. Desta forma evitaramos a desviación a posíbeis webs fraudulentas.
• Utilizar un email específico para compras en liña, desta forma evitaranse correos que teñan virus.
• Manter o equipo actualizado e utilizar un antivirus.
• Comprobar a política de devolucións da tenda online na que se realizan as transaccións.
• Gardar os tíckets das compras realizadas.
• Minimiza ros datos persoais a aportar.
• Como último consello: Utiliza o sentido común. Desconfía de gangas e ofertas incríbeis.


PUBLICIDADE