O CPEIG achega á programación e á robotica aos nenos hospitalizados no CHUS

mércores, 15 de maio do 2019 Redacción

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) impartirá este xoves 16 de maio unha xornada lúdica de introdución á programación visual e robótica na Aula Hospitalaria do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) para os nenos e nenas que están hospitalizados, de 15:00 a 17:00 horas. A sesión será impartida polo grupo de Tecnoloxía á Investigación en Ocupación, Igualdade e Saúde do CITIC da Universidade da Coruña (UDC), coordinado polo colexiado do CPEIG Javier Pereira Loureiro.
Con accións desta índole, relacionadas coas novas tecnoloxías e a divulgación tecnolóxico-científica, o CPEIG busca pretende fomentar o talento dixital da nosa rapazada. Segundo informa o propio Javier Pereira, “o taller é unha oportunidade para achegarse de forma lúdica e divertida á tecnoloxía e á Enxeñaría en Informática e, tamén, para romper coa rutina dos cativos no hospital”.
Durante a sesión, realizaranse unha serie de exercicios de programación con sinxelas funcións de realidade aumentada. Traballarase o acceso ao ordenador coa placa MakeyMakey transformando obxectos da vida cotiá (como froitas, utensilios de cociña ou as propias persoas) en mandos para utilizar os xogos deseñados previamente.
O obradoiro avanzará coa interacción co ordenador, usando outros dispositivos como o Micro:bit e o Adafruit Playground, que permiten interactuar sen fíos e aproveitando os xiroscopios de que dispoñen para crear novas experiencias de control dos elementos que se poden ver nunha pantalla de ordenador. Ademais, probarán robots baseados no microcontrolador Arduino, como é o MBOT, onde a rapazada poderá ver como se pode mudar o seu comportamento en función dos sensores integrados, como o son ambiental, a luz ou a distancia a obxectos da contorna.

PUBLICIDADE