O CPEIG achega 20 prazas para o seu laboratorio de virtualización na peritaxe informática

xoves, 11 de abril do 2013 Redacción

Fernando Suárez, presidente do CPEIG /Imaxe: Antonio Hernández

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática (CPEIG) vén de de abrir o prazo de inscrición para o curso Laboratorio de técnicas de virtualización no ámbito da peritaxe informática. En total, ofrécense 20 prazas que se adxudicarán, en palabras do colexio, por rigorosa orde de inscrición. O alumnado recibirá unha introdución aos conceptos de virtualización de máquinas e de imaxes con overlays (fotografías con capas adicionais ou superposicións). Asemade, inclúese un laboratorio para coñecer como aplicar esas técnicas con tecnoloxías de código aberto con Virtualbox de Oracle.
O curso desenvolverase o día 19 de abril en horario de tarde, de 16:30 horas a 21.00. O prazo de inscrición remata un día antes, o 18. O custo da matrícula é de 25 euros para colexiados e colexiadas, e tamén precolexiadas/os. Aquelas persoas interesadas poden ampliar a información na web do CPEIG.
Benito Martínez, relator
O relator do laboratorio é Benito Martínez Lores, licenciado en Informática pola Universidade da Coruña e membro do Corpo Oficial de Peritos do CPEIG. Actualmente é director de tecnoloxías de Qindel Group e lidera proxectos de arquitectura de virtualización de escritorios (VDI) sobre Linux co produto de tecnoloxía aberta QVD, no sector da banca en varios países de Latinoamérica. Conta con experiencia en contornas de Telecomunicacións, principalmente en Portugal e o Reino Unido, nas áreas de Rede, Servizos Web e Xestión e Monitorización de Servizos.
Benito Martínez contribúe ao eido da programación aberta colaborando con diversos proxectos en CPAN e github, e especialmente coa certificación de Linux LPI, coordinando un grupo de tradutores de diversos países de Latinoamérica para acordar un dicionario de termos comúns entre as diferentes versións de español. Posúe certificacións en CISA, ITIL, RedHat e LPI.
Corpo Oficial de Peritos
A finalidade do Corpo Oficial de Peritos (COP) do CPEIG é dar cobertura e cooperar coa Administración de Xustiza segundo o establecido polo artigo 335 da Lei de Enxuizamento Civil e de acordo co recollido nos estatutos do colexio. Particulares e empresas poden acollerse a este servizo en casos penais, civís, sociais, particulares e seguros, entre outros. Os labores da peritaxe informática, segundo informa o colexio galego, dan como resultado un informe pericial que é o documento redactado polo perito informático, no que se expoñen as conclusións obtidas polo experto trala investigación dun caso. Deste xeito, o informe axuda a determinar se o incidente do que se sospeita se realizou ou non; a recoller probas que poidan aclarar, na medida do posible, quen, cando e como se produciu o incidente; recuperar información perdida; proceder en calquera acción de investigación interna, policial ou incluso xudicial; determinar o dano e o alcance do incidente; desenvolver un plan de continuidade do negocio ou facer unha peritaxe técnica requirida por procesos xudiciais, entre outros.

PUBLICIDADE