O COI quere pararlle os pés a The Pirate Bay

martes, 19 de agosto do 2008 Marcus Fernández

The Pirate Bay muda o seu logotipo durante as Olimpíadas

O Comité Olímpico Internacional remitiu un escrito oficial á ministra de Xustiza sueca, Beatrice Ask, pedíndolle axuda para evitar que os vídeos dos Xogos aparezan na web The Pirate Bay para a súa compartición a través da rede BitTorrent. De feito, incluso a web estreou un logotipo conmemorativo co gallo das Olimpíadas no que se designa ao servizo de busca coma The Beijing Bay.
Os vídeos dos Xogos en The Pirate Bay terían superado o millón de descargas, de aí a preocupación do COI (que explota comercialmente os dereitos de retransmisión destes vídeos tanto pola televisión como a través da Internet) resultando especialmente destacable o caso da cerimonia inaugural das Olimpíadas, que na súa versión en alta definición suma máis de 60.000 descargas.
Cómpre destacar que dende The Pirate Bay non recibiron ningunha petición do COI para a eliminación dos vídeos sobre os Xogos (moitos buscadores deste tipo retiran os contidos cando se lles reclama) e tamén que o buscador non é o responsable da difusión dos clips a través de redes P2P, polo que emprender medidas contra tal web non afectaría á distribución dos vídeos gravados da televisión a través da Rede.

PUBLICIDADE