O COETG rende tributo ao xefe provincial de Inspección de Telecomunicacións de Lugo, Perfecto Meixengo

xoves, 19 de marzo do 2015 Redacción

O Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG) vén de recoñecer a traxectoria profesional do xefe provincial de Inspección de Telecomunicacións de Lugo, Perfecto Meixengo Armanda, recentemente xubilado. A homenaxe do colexio, apunta a entidade, vén dada polo compromiso de Perfecto Meixengo co desenvolvemento das novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) en Galicia. Dito doutra maneira: distínguese con este tributo toda unha vida adicada ao desenvolvemento das telecomunicacións e, en última instancia, ao desenvolvemento da nosa terra.
A homenaxe celebrouse oficialmente os días pasados a través dunha xuntanza dos membros do COETG e dos representantes do noso sector TIC. Ao redor de vinte asistentes arrouparon ao homenaxeado na cerimonia de recoñecemento ao seu compromiso co desenvolvemento das TIC en Galicia. Durante o acto, o convidado de honra recibiu da man do decano do COETG, Ramón Bermúdez de Castro, unha placa conmemorativa en agradecemento. Segundo engaden fontes do colexio, foron testemuñas da entrega os xefes e ex xefes provinciais das Xefaturas de Telecomunicacións de Galicia, diversos membros da xunta de goberno e directiva do COETG e da Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (AETG), representantes da Administración no sector das telecomunicacións e do Grupo de Exercicio Libre da Profesión do Colexio, entre outros. A homenaxe concluíu cun xantar de confraternización en Santiago de Compostela.

Traxectoria do homenaxeado

Logo de rematar os seus estudos como enxeñeiro de Telecomunicación, Perfecto Meixengo ocupou postos de mantemento de equipos de comunicacións, radares, etc, en buques da Armada en Gran Canaria e Ferrol até 1988, ano no que foi nomeado xefe provincial de Inspección de Telecomunicacións de Lugo. “Dende este posto e durante case 27 anos”, explica o COETG, “o homenaxeado contribuíu á proliferación das TIC en Galicia implantando os novos sistemas de telecomunicacións das últimas décadas”.

PUBLICIDADE