O COETG recorre ante o TSXG a relación de postos de traballo de 2017 da Deputación da Coruña
mércores, 30 de maio do 2018
- Fachada da sede da Deputación da Coruña
En
relación á nova que incluímos
os días pasados en Código Cero reflectindo a decisión do xulgado
do contensioso-administrativo número 3 desestimando o recurso
inteposto polo COETG contra o acordo plenario da Deputación da
Coruña do 23 de decembro de 2016, o Colexio Oficial de
Enxeñeiros de Telecomunicación vén de achegarnos o seu punto de
vista sobre os feitos relativos á decisión e sobre as vindeiras
accións a desenvolver en relación á mesma. En
termos máis concretos, o colexio vén de recorrer ante o Tribunal
Superior de Xustiza de Galicia a sentencia emitida polo dito xulgado.
Como
lembraremos, en virtude da dita sentencia desestímase o recurso
interposto contra o acordo plenario da Deputación Provincial da
Coruña do 23 de decembro de 2016, que aprobou a relación de postos
de traballo (RPT) para 2017. Este recurso foi presentado polo colexio
que entende “que os enxeñeiros de Telecomunicación deben poder
optar a determinadas prazas a RPT do organismo provincial coruñés
só destina aos titulados en Enxeñaría Informática”.
E
engade a entidade profesional galega que preside Julio Sánchez
Agrelo: “O Colexio estará sempre aí para defender os intereses
dos seus colexiados e reivindicar o seu acceso a postos para os que
están debidamente cualificados e para os que teñen plenas
competencias profesionais”. Ao fío disto, lembra que recentemente
o labor do COETG “foi clave para recorrer un acordo adoptado na
Mesa do Parlamento de Galicia” polo que se convocaban por oposición
libre dúas prazas da escala técnica de tecnoloxías da información,
“que non prevía a posibilidade de que os enxeñeiros de
Telecomunicación puideran presentarse”. O COETG recorda que “tralo
recurso interposto”, conseguiu modificar a dita previsión na
relación de postos de traballo do Parlamento e “os telecos
puideron optar a esas prazas”.