O COETG encara o novo ano con formación en ciberseguridade e evidencias dixitais

xoves, 28 de decembro do 2017 Redacción

O Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG) presentou os días pasados o programa formativo para o arranque deste ano 2018 que está a piques de comezar, un programa que fai fincapé nas temáticas prioritarias para a nova andaina da entidade (tal e como nolas recordou nunha entrevista recente Julio Sánchez Agrelo, decano do COETG e presidente da Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, AETG). En termos concretos, a ciberseguridade e as evidencias dixitais serán as temáticas dos cursos que comezan en xaneiro de 2018, ambos o día 22.
Trátase de dous obradoiros con formato en liña, Introdución á Ciberseguridade e Adquisición, análise e presentación de evidencias dixitais, ámbolos organizados polo colexio e os dous co prazo de inscrición aberto. O primeiro abordará os antecedentes e as diversas iniciativas internacionais a nivel de normativa e regulamento. Estudará os procesos de análise de riscos de seguridade dunha organización e realizará unha introdución na aprendizaxe de técnicas de detección de ataques cibernéticos e actividades maliciosas, prevención, recuperación e mitigación de ciberataques, avaliación do risco, probas de penetración e análise de malware.
O curso sobre Evidencias Dixitais diríxese á formación de expertos en Informática Forense co fin de que teñan a capacidade e o adestramento preciso para detectar, anticiparse e reaccionar ante os incidentes de seguridade que sofren acotío milleiros de empresas e usuarios.
Para máis información sobre estas actividades, que proseguirán este mes de xaneiro cunha nova xeira formativa sobre Hacking ético e técnicas de hacking avanzadas sobre Windows (a partir do día 29), cómpre visitar a páxina web do COIT sobre as actividades formativas dos colexios de Telecomunicación.

PUBLICIDADE