O COETG desenvolverá diversas actividades para divulgar as vantaxes de termos dixitalizada a vivenda

martes, 22 de maio do 2012 Redacción

Acto de sinatura do convenio para impulsar o fogar dixital celebrado este luns

O convenio para o fogar dixital do que falamos onte en Código Cero, con motivo da súa presentación ante os medios e da súa formalización, vai implicar un traballo intensivo das/os nosas/os enxeñeiras/os de telecomunicación. Entre outras cousas e co fin de impulsar a presenza e uso eficaz das novas tecnoloxías nas nosas vivendas, o colectivo elaborará un documento-marco con toda a información precisa en termos técnicos e económicos sobre a devandita implantación tecnolóxica. Este documento, sinala o COETG (asinante do convenio xunto coa AMTEGA), exercerá de obra de referencia para toda a cadea de sectores con responsabilidade no eido construtivo.
Ou sexa, arquitectos, construtores, instaladores ou técnicos municipais, entre outros.
Amais disto, os enxeñeiros agrupados ao acubillo do COETG desenvolverán accións divulgativas que complementen o labor tecnolóxico propiamente dito. Esta vertente collerá corpo a través dunha serie xornadas específicas sobre o fogar dixital. Tanto o documento como estas accións serán desenvolvidas por un grupo de traballo composto por enxeñeiros de telecomunicación “de diferentes perfís”. A idea é levar o documento a tódolos recantos da nosa terra: aos 315 concellos galegos e ás entidades responsábeis, real e potencialmente, no desenvolvemento do fogar dixital.
Segundo informou o COETG no transcurso do acto oficial de sinatura, o fogar dixital é especialmente beneficioso para todas aquelas persoas con algunha dependencia, ou ben, para aquelas que, polos motivos que sexan, desexen compaxinar o traballo presencial co labor profesional a distancia. Máis polo miúdo, o fogar dixital é un tipo de residencia “dotada de servizos avanzados que melloran a calidade de vida dos cidadáns e que son posibles grazas á utilización das novas tecnoloxías; esta gama de servizos van dende os relacionados co ámbito asistencial (teleasistencia, teleconsulta,…) ata os relacionados coa seguridade, a eficiencia enerxética ou as comunicacións e o ocio; e fan posible un novo concepto de habitabilidade e sostibilidade dentro do fogar”.
En definitiva, engadiron os enxeñeiros, estamos a falar dun eido de actividade de gran potencial para a mellora da nosa calidade de vida, xa que nos pon o coñecemento ao noso alcance e nos libera, en boa medida, de desprazarnos cada vez que nos é preciso realizar un trámite coas administracións públicas ou un labor profesional.

PUBLICIDADE