O COETG consegue un recoñecemento á profesión do TSXG

mércores, 6 de marzo do 2019 Redacción

O Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación vén de dar a coñecer unha nova de relevancia para a defensa e recoñecemento da profesión que representa. Trátase da decisión recente da Tribunal Superior de Xustiza de Galicia acerca de varios postos de traballo convocados pola Deputación da Coruña, cuxas bases veñen de ser anuladas polo Tribunal por “excluír de maneira inxustificada aos Enxeñeiros de Telecomunicación”, segundo reflicte o COETG.
O Colexio lembra que a orixe do proceso está en decembro de 2016, cando a entidade provincial aprobou a súa Relación de Postos de Traballo para 2017, na que figuraban nove postos de traballo coa denominación de “técnicos superiores en informática”. Segundo o COETG, “nesta relación estaba excluído o acceso aos Enxeñeiros de Telecomunicación”, o que motivou que a entidade iniciase “as accións legais oportunas que finalizaron cun recurso de apelación perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia”.
A entidade profesional reflicte que a sentenza dada a coñecer “recolle na súa integridade os argumentos expostos polo COETG”, amais de “recoñecer que os enxeñeiros de Telecomunicación posúen un nivel de coñecementos e aptitudes suficientes para desempeñar o nove postos de traballo para os que foran excluídos pola Deputación da Coruña, polo que procedeu á súa anulación”.

PUBLICIDADE