O CNTG organiza un curso sobre seguridade na nube da man de Microsoft

mércores, 22 de xuño do 2011 Raquel Noya

O Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia, dependente da Consellaría de Traballo e Benestar vai celebrar, en colaboración con Microsoft, un Seminario técnico sobre infraestruturas de seguridade na nube botando man de ferramentas tecnolóxicas de seu.
O curso, que é de balde e con aforo limitado, terá lugar o vindeiro día 7 de xullo de 10:00 a 13:00 horas nas instalacións do CNTG, en Santiago de Compostela, e será impartido por José Parada Gimeno, Chief Security Advisor de Microsoft.
O programa inclúe unha introdución da situación actual e os cambios e tendencias que se prevén na paisaxe da seguridade, así como unha aproximación ao que é a nube e os retos e ameazas que supón o emprego desta tecnoloxía.
Tamén se formará aos asistentes nas infraestruturas da ferramenta virtual de Microsoft e Parada achegará as 5 consideracións de seguridade e recomendacións básicas para traballar con esta tecnoloxía.
Para asistir, as persoas interesadas deberán inscribirse previamente na web do CNTG, achegando os seus datos persoais.

PUBLICIDADE