O CNTG organiza o día 23 un seminario técnico sobre virtualización e alta dispoñibilidade en Linux

luns, 6 de maio do 2013 Redacción

O Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG) de Santiago acolle o vindeiro 23 de maio unha actividade de gran interese para os profesionais galegos que queiran encamiñar os seus pasos cara uns servizos informáticos en clara proxección: os servizos de software libre. A actividade, que se desenvolve de 9:30 a 13:30 horas, consiste nun seminario técnico sobre virtualización e alta dispoñibilidade en Linux. O seminario trasladará aos asistentes conceptos relativos á implantación de solucións de virtualización, balanceo de carga, xestión de recursos e un longo etcétera.
O relator da xornada será Kenneth Peiruza, consultor IT, formador GNU/Linux e colaborador habitual, como docente de cursos LPI, do Centro de Novas Tecnoloxías que dirixe a Consellería de Traballo. Posúe ampla experiencia en labores de integración, administración e protección de sistemas informáticos para empresas, tendo exercido ao longo dos seus máis de once anos de traxectoria profesional como xefe de proxectos de auditoría de seguridade para entidades do sector da banca, seguros, partidos políticos etc. A xornada vai dirixida sobre todo a administradores/as e técnicos/as de sistemas e, en xeral, profesionais con coñecementos previos do sistema operativo Linux con interese en obter información relativa a virtualización e alta dispoñibilidade.
O prazo de inscrición estará aberto dende dende o día 6 ata o 22 de maio. Para obter máis información ou se inscribir no evento, cómpre visitar a web do CNTG. Como vén sendo habitual, a actividade poderase seguir por videoconferencia a través da aulas da Rede CeMIT de Carballiño, Celanova, Padrón, Pontedeume, Pontevedra, Verín e Vilagarcía.

PUBLICIDADE